O xuíz retíralle o pasaporte ao patrón do Villa de Pitanxo
Juan Padín declarou como investigado na Audiencia Nacional, mentres que os outros dous sobreviventes o fixeron en calidade de testemuñas
O xuíz atende a petición da Fiscalía e dos familiares das vítimas, e imponlle tamén a obriga de presentarse cada 15 días no xulgado
O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno retiroulle o pasaporte ao patrón do Villa de Pitanxo, o buque afundido o pasado 15 de febreiro en augas de Terra Nova (O Canadá), e prohibiulle saír do territorio español, tras tomarlle declaración en calidade de investigado.
O titular do Xulgado Central de Instrución número 2 seguiu o criterio da Fiscalía -apoiado tamén polas familias das vítimas- e impuxo ademais ao patrón do barco, Juan Padín, a obrigación de comparecer quincenalmente no xulgado, informan a Efe fontes xurídicas.
Padín declarou este luns ante o xuíz en calidade de investigado polo naufraxio ocorrido o pasado mes de febreiro, mentres que o seu sobriño, Eduardo Rial, e o mariñeiro ghanés Samuel Kwesi -os outros dous sobreviventes da traxedia- fixérono como testemuñas.
Segundo transcendeu, os tres mantiveron ante o xuíz as mesmas versións que deron cando foron interrogados pola Garda Civil.
O patrón dixo que sobre as 04.00 horas da madrugada o motor do barco parou, o que dadas as condicións meteorolóxicas existentes nese momento provocou a traxedia. Insistiu en que deu a orde á tripulación de poñerse o equipo de salvamento e que había suficientes para todos. Engadiu que os mariñeiros estaban en estado de choque.
Samuel Kwesi, en cambio, relatou na súa última versión que non houbo orde expresa de que se puxesen os traxes e que lle chamou a atención porque o patrón e o seu sobriño si os levaban.
Kwesi confirmou esa declaración, segundo a cal o motor non parou, senón que as máquinas que recollen o aparello deixaron de funcionar ben, tensando pero non recollendo e provocando a escora.
Pola súa banda, Rial, que acudiu como testemuña, apoiou igualmente a súa versión, coincidente coa do seu tío.
Avanza así a vertente xudicial do caso, mentres as familias insisten na necesidade de baixar ao pecio para comprobar o seu estado e solicitar probas que aclaren as causas que desencadearon o naufraxio, no que a Fiscalía ve indicios de, polo menos, 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e contra os dereitos dos traballadores.
As declaracións prodúcense tamén en medio dun conflito sobre quen debe asumir a competencia desta investigación: a Audiencia Nacional cre que deberían ser os xulgados da localidade onde radica o porto base do buque, Marín, pero o xulgado desta vila discrepou, rexeitou asumir a causa e enviouna de volta á Audiencia.