Publicador de contidos

Publicador de contidos

O 70 % de xuíces e fiscais secunda o segundo día de folga contra as reformas xudiciais do Goberno

O 70 % de xuíces e fiscais secunda o segundo día de folga contra as reformas xudiciais do Goberno

O Ministerio de Xustiza rebaixa o seguimento ao 28,75 %

A protesta continuará ata este xoves contra as reformas do Goberno

G24.gal 02/07/2025 16:20

As asociacións de xuíces e fiscais que convocaron a folga de tres días contra as reformas do Goberno en materia de xustiza cifran o seguimento deste segundo día en aproximadamente o 70 %, lixeiramente por baixo do 75 % rexistrado na xornada anterior. Con todo, o Ministerio de Xustiza rebaixa esa cifra ao 28,75 %.

Segundo explicaron nun comunicado, esta estimación baséase nos correos electrónicos "voluntarios e confidenciais" enviados polas persoas que decidiron secundar o paro. As entidades convocadoras -a Asociación Profesional de Maxistratura (APM), a Asociación Xudicial Francisco de Vitoria (AJFV), Foro Xudicial Independente (FJI), a Asociación de Fiscais (AF) e a Asociación Profesional e Independente de Fiscais (APIF)- denuncian a falta de resposta do Ministerio e critican que non se adoptaran medidas para evitar a situación.

Servizos mínimos e impacto limitado

As asociacións consideran que a planificación dos servizos mínimos permitiu limitar o impacto da folga sobre a cidadanía, garantindo en todo momento a atención urxente e inaprazable.

A protesta, que remata este xoves, responde aos proxectos lexislativos do Goberno que modifican o acceso á carreira xudicial e o estatuto do Ministerio Fiscal. Todas as asociacións convocadoras son de perfil conservador, mentres que as dúas progresistas non participan na convocatoria.

Criticas desde o Ministerio e resposta do CGPX

O ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, insistiu en que o seguimento real da folga apenas alcanzou o 28,75 %. Ademais, o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) xa advertira a semana pasada que a folga carece de base legal e, por tanto, non a dá por convocada formalmente.

O Ministerio de Xustiza solicitou ao CXPX e á Fiscalía Xeral do Estado os datos das persoas que secundaron o paro para aplicar a correspondente dedución salarial, aínda que eses datos non foron remitidos polo momento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade