Xuíces e fiscais comezarán unha folga de tres días contra as reformas do Goberno este martes
A folga comeza mañá, e as asociacións responsables tomaron as medidas necesarias para garantir a atención aos cidadáns
O CXPX considera a folga ilexítima por non ter base legal

Cinco asociacións de xuíces e fiscais arrincan este martes unha folga de tres días en protesta polos proxectos lexislativos do Goberno. Estes reforman o acceso á carreira e o estatuto do Ministerio Fiscal, a pesar de que o Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial tivese acordado que este paro carecía de base legal.
Esta folga chega logo da concentración convocada por estas asociacións o pasado sábado, onde se concentraron miles de persoas fronte ao Tribunal Superior.
As asociacións consideran que o proxecto modifica a lei do Poder Xudicial compromete gravemente a separación de poderes e a autonomía do Ministerio Fiscal. Tamén denuncian que non responde a unha demanda social, senón que incrementa os riscos da súa politización.
Desde o Executivo, o ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, defende a reforma non afecta en ningún termo á independencia de xuíces e fiscais e tacha de infundadas as críticas das asociacións contra esta e outras leis.
A folga non ten base legal, segundo o CXPX
Ante a convocatoria de folga, o Ministerio de Xustiza solicitou ao CXPX que se pronunciase sobre a legalidade deste paro.
O pleno do CXPX acordou por unanimidade o pasado xoves que este exercicio de folga carece de soporte normativo por agora, polo que non procede tela por anunciada nin fixar servizos mínimos.
Sobre as posibles sancións aos maxistrados que asistan á folga, fontes xurídicas remítense aos antecedentes das folgas convocadas dende 2009, en que non se produciron este tipo de castigos.
A Fiscalía, pola súa parte, comunicou que non ten competencias para fixar servizos mínimos e pediu garantir aquelas actuacións nas que a ausencia do fiscal cause prexuízos directos nos dereitos dos cidadáns.
As asociacións manteñen a folga
A pesar deste pronunciamento, as asociacións tomaron a decisión de continuar coa folga. Consideran que esta trátase dunha medida lexítima, proporcionada e responsable en defensa dos principios fundamentais do Estado de dereito.
Manteñen que o da folga é un dereito fundamental da Constitución sen interpretación restritiva. Deste dereito non se exclúe a xuíces e maxistrados e a ausencia de normativa específica non supón a súa exclusión.
Tamén alegan que se trata dun dereito de titularidade individual que cada persoa pode exercer de maneira autónoma sen comunicación ou autorización previa necesaria.
Por outro lado, indican que ante a falta de fixación de servizos mínimos por parte do CXPX e a Fiscalía Xeral, o comité de folga estableceu uns criterios para garantir a atención á cidadanía sen desvirtuar o dereito á folga.
As asociacións que convocaron a folga son a Asociación Profesional de Magistratura (APM), a Asociación Judicial Francisco de Vitoria (AJFV), Foro Judicial Independiente (FJI), a Asociación de Fiscales (AF) e a Asociación Profesional e Independiente de Fiscales (APIF).
Castroverde non cree que se deba facer folga
O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, rexeitou a folga de xuíces e confirmou que non se vai secundar.
Castroverde comunicou aos xornalistas que un poder do Estado non pode declararse en folga e referendou o posicionamento do CXPX neste sentido.
O presidente do TSXG afirmou que entende que é un dereito limitado e que entende que se queira facer ver o rexeitamento dalgunha maneira, pero non coa folga.
Cando lle preguntaron sobre como pode afectar a folga á resolución de casos manifestou que sempre será importante e lembrou o impacto que tivo a folga dos letrados xudiciais.