Publicador de contidos

Publicador de contidos

Zelenski pide garantías equiparables ao artigo de defensa colectiva da OTAN

Zelenski pide garantías equiparables ao artigo de defensa colectiva da OTAN

O presidente ucraíno fixo a reclamación como parte dun eventual acordo de paz con Rusia e nunha conferencia de prensa co secretario xeral da Alianza Atlántica

O artigo 5 do Tratado de Washington establece que o ataque contra un dos estados membros da OTAN considerarase un ataque contra todos

Reuters Reuters
G24.gal 22/08/2025 16:33

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, reclamou este venres como parte dun posible acordo de paz con Rusia unhas garantías de seguridade equiparables ao Artigo 5 de defensa colectiva da OTAN, nunha conferencia de prensa co secretario xeral da Alianza Atlántica, Mark Rutte, en Kíiv.

Zelenski pediu garantías "como as do Artigo 5 do Tratado da OTAN, que son garantías moi eficientes", e afirmou que este "é o resultado que temos que alcanzar" nas negociacións que están a ter lugar cos aliados de Ucraína.

O presidente ucraíno afirmou que aínda está por determinar que países da chamada Coalición de Voluntarios prestarán que contribución, por exemplo apoiando a Kíiv por terra, por aire ou por mar ou proporcionando financiamento ao exército. Outro tema que están a tratar os aliados de Ucraína é a adquisición de armamento, por exemplo a través do programa PURL polo que xa se adxudicaron 1.500 millóns de dólares de socios europeos para adquirir armas estadounidenses, congratulouse Zelenski, que instou a incrementar esta cantidade e recrutar a máis países para o programa.

O presidente ucraíno tamén aludiu ao financiamento da produción doméstica de drons, en vista que Rusia está a incrementar o seu uso destes dispositivos non tripulados no campo de batalla.

"O potencial de Ucraína para producir drons é moito máis elevado que as nosas capacidades de financiamento e estamos a traballar para pechar este baleiro", afirmou.

Ao preguntarlle pola postura de Moscova de que Rusia non pode quedar á marxe das garantías de seguridade, Zelenski manifestou incomprensión.

"As garantías de seguridade para Ucraína fan falta para que os nosos netos, os nosos fillos, saiban con seguridade que Rusia non lles atacará no futuro. Son garantías contra o agresor", aseverou. "Cando Rusia saca o tema, non se quen lles ameaza. Eles atacáronnos, están no noso territorio. Non se que garantías necesita o agresor", remachou o presidente ucraíno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade