Rueda reclama a voz das rexións nos fondos de cohesión fronte ao "erro" de centralizar a repartición
Rueda reclama a voz das rexións nos fondos de cohesión fronte ao "erro" de centralizar a repartición
O presidente da Xunta defende en Bruxelas que Galicia e as demais rexións deben decidir o deseño e execución dos fondos de cohesión no futuro presuposto plurinanual da Unión Europea, que se presentará o día 16
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu este mércores en Bruxelas que Galicia e as demais rexións deben decidir o deseño e execución dos fondos de cohesión no futuro presuposto plurinanual da Unión Europea, que se presentará o día dezaseis.
Alfonso Rueda remarcou que as comunidades autónomas coñecen mellor as necesidades dos territorios para investir eses fondos, e cualificou de erro o modelo de centralización dos fondos de recuperación e resiliencia.
Nas catro décadas que leva na Unión, Galicia leva recibidos 30.000 millóns de euros de fondos de cohesión. Alfonso Rueda reivindica o bo uso que se fixo deses cartos e pide que as rexións sigan tendo voz no seu deseño e execución, e non se repita o modelo dos fondos de recuperación pospandemia, que quedaron en mans dos países.
"Os fondos de recuperación e resiliencia foron un fracaso de execución por unha excesiva centralización. Espero que a Comisión non volva cometer ese erro e que teña en conta que as rexións sabemos como exectuar os fondos e o facemos bastante mellor que os gobernos, polo menos no caso de España", dixo.
O presidente da Xunta tamén reclamará esta tarde no plenario do Comité das Rexións un papel protagonista das comunidades na transición cara a unha enerxía limpa. Rueda pídelle a Bruxelas que non free a revolución das enerxías verdes e agarda unha sentenza favorable da Xustiza europea sobre a paralización dos parques eólicos.