Trump anuncia unha reunión con Putin en Budapest para negociar o fin da guerra en Ucraína
O presidente estadounidense avanza un encontro co líder ruso pero non concreta a data
A cita tería como obxectivo impulsar un acordo que poña fin ao conflito iniciado en 2022

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, anunciou este xoves que se reunirá co seu homólogo ruso, Vladímir Putin, en Budapest para tentar poñer fin á guerra de Ucraína, aínda que non concretou a data exacta.
Será o segundo encontro entre ambos mandatarios tras o mantido o pasado 15 de agosto en Alasca.
Trump fixo o anuncio despois dunha chamada telefónica con Putin, un día antes de recibir na Casa Branca o presidente ucraíno, Volodímir Zelenski.
"O presidente Putin e máis eu reunirémonos nun lugar acordado, Budapest, Hungría, para ver se podemos poñer fin a esta guerra ignominiosa entre Rusia e Ucraína", escribiu o mandatario estadounidense na súa rede social, Truth Social.
Preparativos e reunións previas
Segundo explicou Trump, ambos líderes acordaron tamén celebrar a próxima semana "nun lugar por determinar" unha reunión de asesores de alto nivel.
Polo lado estadounidense participará o secretario de Estado, Marco Rubio.
O presidente republicano lembrou que este venres se reunirá no Despacho Oval con Zelenski e adiantou que falarán sobre a conversa mantida con Putin "e de moito máis".
"Creo que a conversación telefónica de hoxe deu un gran paso adiante", sinalou.
Mensaxe de cooperación e referencias a Oriente Medio
Trump asegurou que a chamada foi "moi produtiva" e que Putin o felicitou "polo gran logro de paz en Oriente Medio", en referencia ao acordo de alto o fogo en Gaza. Engadiu que ese éxito "contribuirá ás negociacións para poñer fin á guerra con Rusia e Ucraína".
Segundo o mandatario, Putin tamén agradeceu á primeira dama, Melania Trump, as súas xestións para facilitar a reunificación de nenos ucraínos coas súas familias.
Tensión polo posible envío de mísiles
Trump suxeriu esta semana a posibilidade de entregar a Ucraína mísiles de longo alcance Tomahawk, o que foi interpretado como un novo xiro na estratexia da Casa Branca para aumentar a presión sobre Moscova.
O Kremlin advertiu este xoves que o envío deses mísiles a Kiev suporía "un novo nivel de escalada", en vésperas da reunión prevista entre os dous líderes en Budapest.