Publicador de contidos

Publicador de contidos

A raíña Letizia e o papa León XIV denuncian na FAO o uso da fame como arma de guerra

A raíña Letizia e o papa León XIV denuncian na FAO o uso da fame como arma de guerra

Ambos coinciden en Roma na necesidade de reforzar o multilateralismo para garantir unha alimentación xusta e sostible

A FAO celebra o seu 80 aniversario e lembra que máis de 670 millóns de persoas padecen fame no mundo

G24.gal 16/10/2025 16:40

A raíña Letizia e o papa León XIV advertiron este xoves de que a fame segue a empregarse como arma de guerra en numerosos conflitos.

Foi durante os actos polo Día Mundial da Alimentación na sede romana da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO).

O papel da raíña como embaixadora da nutrición

Como embaixadora especial para a nutrición da FAO, a raíña Letizia foi unha das intervencións máis esperadas da xornada. Accedeu ao salón de plenos acompañada pola primeira ministra italiana, Giorgia Meloni, e pronunciou o seu discurso en español.

Sinalou que o mundo vive tempos complexos, nos que se revisan principios que parecían inalterables desde a creación de Nacións Unidas, como o multilateralismo, a cooperación ao desenvolvemento e o dereito inalienable a unha alimentación adecuada, suficiente, sostible e saudable.

Advertiu de que a fame é hoxe unha arma de guerra e unha ferida aberta, xunto a outros problemas como a concentración corporativa dos sistemas alimentarios, o desperdicio de comida, a desigualdade de xénero no acceso aos recursos, a obesidade xuvenil, a volatilidade dos prezos e os efectos do cambio climático.

Rematou facendo un chamamento á cooperación internacional: “Se alguén ten unha idea mellor que a cooperación multilateral para garantir unha alimentación adecuada, que o diga”, afirmou.

O chamamento do papa León XIV

O papa León XIV, que se estrea nun foro internacional, inaugurou o acto coa súa intervención en español e inglés, na que denunciou o uso dos alimentos como arma de guerra e o cualificou de estratexia cruel.

Indicou que os conflitos actuais están a revivir prácticas que contradín o labor de sensibilización da FAO ao longo das últimas oito décadas. Lembrou tamén a existencia de millóns de persoas sen acceso á auga, á alimentación, á atención médica nin á educación en lugares como Ucraína, Gaza, Haití, Afganistán, Malí, a República Centroafricana, o Iemen e Sudán do Sur.

Defendeu o multilateralismo “sen ambaxes” fronte ás tentacións autocráticas nun mundo multipolar.

Oito décadas de loita e un reto pendente

A FAO celebrou este 16 de outubro o seu 80 aniversario desde a súa fundación en 1945, ao rematar a Segunda Guerra Mundial. Segundo o informe máis recente sobre o estado da seguridade alimentaria e a nutrición, o 8,2 % da poboación mundial —uns 673 millóns de persoas— padeceu fame en 2024.

Aínda que a cifra descendeu fronte ao 8,5 % de 2023, os avances non foron uniformes: mellorou en América Latina, pero a situación empeorou en moitas zonas de África e Asia Occidental. As previsións apuntan que en 2030 case 512 millóns de persoas seguirán sufrindo subalimentación crónica, o 60 % delas en África.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade