Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Eurocámara apoia suspender parcialmente o acordo comercial con Israel, pero evita falar de xenocidio en Gaza

A Eurocámara apoia suspender parcialmente o acordo comercial con Israel, pero evita falar de xenocidio en Gaza

O texto recibe 305 votos a favor, 151 en contra e 122 abstencións

Von der Leyen marcou a liña coa súa proposta de sancións e suspensión de axuda bilateral

REUTERS/Yves Herman REUTERS/Yves Herman
G24.gal 11/09/2025 18:12

O Parlamento Europeo deu este xoves o seu apoio á proposta de Bruxelas para suspender parcialmente o acordo de asociación entre a Unión Europea e Israel e deter a axuda bilateral comunitaria, aínda que non alcanzou consenso para referirse ao asedio israelí en Gaza como un xenocidio, a pesar do intento das forzas progresistas.

A resolución, non vinculante, saíu adiante con 305 votos a favor, 151 en contra e 122 abstencións.

División no Partido Popular Europeo

O Partido Popular Europeo votou dividido: 82 eurodeputados apoiaron o texto, 56 votaron en contra —entre eles varios da CDU alemá— e un pequeno grupo abstívose.

A resolución contou ademais co apoio dos socialdemócratas, liberais, verdes e parte da esquerda.

O PPE chegou a apartarse do documento, malia que o seu negociador, Antonio López Istúriz, participara na redacción inicial, pero tras o discurso de Ursula von der Leyen no debate sobre o estado da Unión decidiu volver á mesa de negociación para non afastarse da liña da presidenta da Comisión.

Emendas rebaixadas e eliminación de referencias directas ao xenocidio

Das máis de 50 emendas presentadas, moitas retiráronse e outras, como as que incluían referencias ao xenocidio, foron rexeitadas.

O PPE conseguiu introducir cambios que suavizaron o texto: eliminouse a expresión sobre “a escalada da guerra en Gaza ocasionada polas operacións militares israelís” e substituiuse por “as continuas operacións militares na Franxa de Gaza”, sen mención expresa a Israel.

Tamén se borraron referencias a que a fame en Gaza é provocada e que algúns ministros israelís reclaman accións xenocidas.

O termo “xenocidio” só aparece como mención ao caso presentado por Suráfrica ante o Tribunal Internacional de Xustiza.

Recoñece a "situación humanitaria catastrófica"

No texto, os eurodeputados expresan a súa preocupación pola “situación humanitaria catastrófica” en Gaza, piden protexer e garantir a distribución da axuda, reclaman un alto o fogo permanente e inmediato e solicitan a liberación de todos os reféns, ao tempo que condenan os crimes de Hamas contra Israel.

Entre os representantes españois, votaron a favor case todo o PP, o PSOE e o PNV. Votáronse en contra Vox, Podemos, o popular Nicolás Pascual de la Parte e Luis ‘Alvise’ Pérez (Se Acabó la Fiesta). Abstivéronse Bildu, Compromís, Comuns, o BNG e os dous exdeputados de Se Acabó la Fiesta que agora actúan como independentes no grupo ultraconservador ECR.

Trátase da primeira resolución sobre a situación en Gaza aprobada na actual lexislatura despois de máis dun ano sen posicionamentos formais da Eurocámara.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade