A Xunta busca espazos para acoller os menores inmigrantes trasladados polo Goberno
O Executivo galego recibiu este xoves cinco expedientes de adolescentes e prepara recursos específicos
A medida afecta tamén a 15 solicitantes de asilo que deben ser acollidos por orde do Supremo
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciou que a Xunta busca localizacións para acoller os menores migrantes que o Goberno vai trasladar a Galicia.
Dixo que o Executivo autonómico tivo que modificar o sistema de protección da infancia para crear recursos e centros específicos destinados a este colectivo.
Durante unha visita á escola infantil pública autonómica da Cidade da Xustiza, García avanzou que este xoves se recibiron tres novos expedientes de adolescentes, que se suman aos dous remitidos o xoves.
En total, a Xunta ten constancia de cinco casos pertencentes ao grupo de 317 menores que o Goberno central prevé trasladar á comunidade.
A estas cifras súmase un grupo de 15 menores estranxeiros solicitantes de asilo que tamén se van trasladar a Galicia por orde do Tribunal Supremo.
Segundo a conselleira, o Executivo central rompe así definitivamente o sistema de protección integrador, sinal de identidade de Galicia, e obriga a Xunta a afastarse dun modelo que cualificou como un dos máis inclusivos do Estado, en que todos os menores conviven nos recursos autonómicos sen distinción pola súa orixe.
Nesta nova situación, a Xunta busca posibles espazos onde acoller e atender estes adolescentes. A conselleira asegurou que pedirán a colaboración doutras administracións e lembrou que a semana pasada xa mantiveron os primeiros contactos con entidades sociais vinculadas á protección da infancia e a adolescencia.