Publicador de contidos

Publicador de contidos

Santiago aplicará unha recarga do 50 % ao IBI das vivendas baleiras

Santiago aplicará unha recarga do 50 % ao IBI das vivendas baleiras

Busca incorporar inmobles baleiros ao mercado: calculan que na capital galega hai 6.000

O Concello tamén anunciou unha modificación na ordenanza do lixo que supoñerá maior custo para os veciños, do que culpa ao taxazo de Sogama

G24.gal 11/09/2025 13:37

O concelleiro de Economía e Facenda de Santiago de Compostela Manuel César Vila anunciou este xoves unha modificación fiscal para aplicar unha recarga do 50 % do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para as vivendas baleiras.

Así o expuxo o edil nunha conferencia de prensa na que tamén anunciou unha modificación na ordenanza do lixo, que busca adaptar o imposto ao contexto normativo e incorpora cambios no sistema de cobranza e que supoñerá maior custo para os veciños, aínda que o edil incidiu en que este incremento se debe ao taxazo de Sogama.

Este gravame do IBI, formulado por proposta da Concellería de Urbanismo e Vivenda, ten relación co propio plan de medidas correctoras que impulsa este goberno xunto coa solicitude de declaración de zona de mercado residencial en tensión, explicou.

Seis mil vivendas baleiras en Santiago

O edil compostelán defendeu que con esta medida o Goberno local busca que cheguen ao mercado máis vivendas desocupadas, xa que, segundo os datos cos que traballa o Concello, na cidade hai ata 6.000 vivendas baleiras.

A ordenanza establece, ademais, unha bonificación do 50 % para o ICIO (Imposto de Construcións, Instalacións e Obras) das vivendas protexidas ou de promoción autonómica e descontos para o imposto de vehículos de cero emisións e eco, tal e como establece a normativa estatal.

Tamén se inclúe unha bonificación para as vivendas que teñen instaladas placas solares, ao rebaixar o limiar para contar con este desconto: de 5 kw/100 m² a 2 Kw/100m².

Estas propostas terán que ser sometidas ao procedemento habitual, por tanto, tras pasar por comisión informativa, someteranse ao pleno da Corporación Municipal e abrirase un período de exposición pública de 30 días.

No caso de haber alegacións, o informe final deberá volver ao pleno para someter a ordenanza á súa votación final.

Taxa de lixo vinculada ao valor catastral da vivenda e non ao consumo de auga

Respecto á aprobación dunha nova ordenanza fiscal reguladora da taxa por prestación dos servizos de recollida, transporte e tratamento dos residuos municipais, o edil remarcou que co novo modelo se busca dar cumprimento ao principio de quen contamina paga.

Manuel César Vila incidiu na necesidade de modificar a ordenanza actual en tanto que a taxa non está actualizada conforme ao custo do servizo, que se calcula no estudo nuns 8,9 millóns de euros.

Deste xeito, lembrou que o pasado ano, Sogama, empresa público privada en que a Xunta é accionista maioritario, aumentou as súas taxas de maneira desorbitada, prexudicando aos concellos

Entre as novidades, explicou que a taxa pasará a estar vinculada ao valor catastral da vivenda e non ao consumo da auga, como ata o de agora.

Así, todos os inmobles pagarán unha cota fixa, que non varía, de 6,17 euros mensuais, e estableceranse cinco tramos en función do valor.

No caso das empresas, prevese un incremento medio da taxa do 25 %, e a taxa calcularase multiplicando a cota fixa pola superficie da empresa e o seu epígrafe, que grava máis as que xeran máis residuos.

Ademais, estarán exentas do pagamento da taxa as familias máis desfavorecidas, e con bonificación do 50 % as que realicen boas prácticas, vinculadas sobre todo á compostaxe.

Tamén se establecen exencións para as vivendas que se sitúen a máis de 200 metros dun contedor (no rural) ou para chans sen edificar. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade