Publicador de contidos

Publicador de contidos

O CIS dá unha vantaxe de 9 puntos ao PSOE sobre o PP no seu barómetro de setembro

O CIS dá unha vantaxe de 9 puntos ao PSOE sobre o PP no seu barómetro de setembro

É a maior desde abril de 2024, cunha estimación de voto do 32,7 % para os socialistas e dun 23,7 % para os populares

Eleva en 5,7 puntos o voto estimado para o PSOE, mentres que o PP baixa 2,8; Vox perde 1,6 puntos e queda no 17,3 %, Sumar queda cun 7,9 %, e Podemos cun 4,3 %

A vivenda segue a ser a principal preocupación dos españois (30,4 %), a inmigración sobe ao segundo posto (20,7 %) e a corrupción baixa do segundo ao noveno posto

Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo, nunha imaxe de arquivo na Moncloa (EFE / Sergio Pérez) Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo, nunha imaxe de arquivo na Moncloa (EFE / Sergio Pérez)
G24.gal 11/09/2025 12:41

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) outorga ao PSOE unha vantaxe de nove puntos sobre o PP, a maior desde abril do ano pasado, no seu barómetro de setembro, cunha estimación de voto do 32,7 % para os socialistas e dun 23,7 % para os populares.

A enquisa, a partir de 4.122 entrevistas entre o 1 e o 6 de setembro, tras un verán marcado polos graves incendios forestais e choques políticos pola súa xestión, eleva en 5,7 puntos o voto estimado para o PSOE, mentres que o PP baixa 2,8 puntos respecto á anterior mostraxe de xullo.

Tamén cae Vox, que queda no 17,3 % dos sufraxios ao perder 1,6 puntos, en tanto que as demais forzas políticas non experimentan grandes cambios, con Sumar en cuarta posición e un apoio do 7,9 % seguido de Podemos, que logra o 4,3 %.

A pesar da gran distancia que separa ao PSOE do PP, os socialistas non recuperaron, segundo o CIS, todos os puntos que perderon ao estalar o caso Cerdán: o barómetro de xuño concedíalles o 34,3 % e ao mes seguinte caeron ao 27,0 %.

Un 0,7 % para o BNG

En sexta posición sitúase ERC, que mantén unha estimación de voto do 2,1 %, seguido do partido de Luis Pérez Alvise (SALF), cun apoio do 1,6 %, EH-Bildu (1,1 %), Junts (0,8 %), BNG (0,7 %), PNV (0,6 %) e CC e UPN ambos co 0,1 %.

Respecto aos líderes políticos, o presidente do Goberno Pedro Sánchez mellora nesta enquisa tanto a súa puntuación media como o índice de confianza que inspira aos cidadáns, en tanto que o líder do PP Alberto Núñez Feijóo cae nestes parámetros.

Abascal supera a Feijóo nas preferencias como presidente

En nota media, ningún dirixente aproba, aínda que a mellor cualificación é para Sánchez (4,23) seguido pola vicepresidenta segunda Yolanda Díaz (4,13), Alberto Núñez Feijóo (3,55) e Abascal (2,93).

Son máis os que prefiren a Sánchez como presidente do Goberno (24,8 %), e ademais Feijóo vese superado polo líder de Vox Santiago Abascal, ao que queren como presidente o 10,8 %. O xefe da oposición descende ao 9,7 %.

Con todo, nin Sánchez nin Feijóo inspiran moita confianza aos enquisados polo CIS, xa que o 68,9 % desconfía do xefe do Executivo e o 80,9 % do líder do PP.

Vivenda e inmigración, o que máis preocupa

A mostraxe reflicte tamén as principais preocupacións dos españois, e aquí a inmigración ascende de terceiro a segundo problema dos enquisados (cun 20,7 % de mencións), e segue destacando como principal inquietude a vivenda (30,4 %), catro décimas máis que en xullo.

Baixa considerablemente, do segundo ao noveno posto, a corrupción e a fraude, xa que o 25,3 % citábaas na última enquisa e agora só o 10,9 %.

Nesta ocasión son os problemas relacionados coa calidade do emprego os que pasan a ser a terceira inquietude dos españois (17,1 %), seguidos moi de preto polo mal comportamento dos políticos (16,9 %).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade