A ONU acusa os EUA de violar o dereito internacional ao atacar lanchas no Caribe
Confirmou que as persoas a bordo foron vítimas de "execucións extraxudiciais" e que tales accións deben cesar "independentemente dos presuntos delitos que se lles imputen"
A ONU defende que o que debe rexer son as normas internacionais dos dereitos humanos
.png) Momento en que estoupa o barco atacado polos EUA en augas internacionais. Imaxe do vídeo publicado polo secretario de Guerra dos EUA Pete Hegseth na conta da rede social X @SecWar
                        Momento en que estoupa o barco atacado polos EUA en augas internacionais. Imaxe do vídeo publicado polo secretario de Guerra dos EUA Pete Hegseth na conta da rede social X @SecWar
            A ONU acusou este venres o Goberno dos Estados Unidos de "violar o dereito internacional" cos seus ataques aéreos contra embarcacións no Caribe e o Pacífico, supostamente vinculadas ao tráfico de drogas. Confirmou que as persoas a bordo foron vítimas de "execucións extraxudiciais" e que tales accións deben cesar "independentemente dos presuntos delitos que se lles imputen".
"Estes ataques, e o seu crecente custo humano, son inaceptables. Os Estados Unidos deben poñerlles fin", esixiu o alto comisionado da ONU para os dereitos humanos, Volker Türk, tras lembrar que máis de sesenta persoas morreron neses ataques perpetrados polas forzas armadas estadounidenses, segundo as informacións dispoñibles.
Unha portavoz de Türk dixo que este comunicou ás autoridades estadounidenses a posición do seu organismo. Os Estados Unidos tentaron xustificar estes bombardeos indicando que forman parte de operacións necesarias contra as drogas e o terrorismo, e que desde o seu punto de vista o que rexe os seus actos é o dereito internacional humanitario, aplicable unicamente en contextos de conflito armado.
Con todo, a ONU está en desacordo con ese argumento e non considera que se trate dun conflito armado nin que poida falarse de hostilidades declaradas. Por iso, defende que o que debe rexer son as normas internacionais dos dereitos humanos. Neste sentido, as accións militares dos EUA representan unha violación do dereito á vida e constitúen execucións extraxudiciais, explicou a portavoz Ravina Shamdasani.
"Segundo a escasa información facilitada publicamente polas autoridades estadounidenses, ningunha das persoas que se atopaban nas embarcacións atacadas parecía representar unha ameaza inminente para a vida doutras persoas nin xustificaba o uso da forza armada letal contra elas en virtude do dereito internacional", detallou.
A ONU reclamou que eses asasinatos sexan investigados de forma rápida, independente e transparente, e aclarou que deben facelo as instancias xurisdicionais dos EUA. Anotou que levar a cabo estas investigacións non é unha opción, senón "unha obrigación" para as autoridades de Washington.
Türk recoñeceu a gravidade da problemática do narcotráfico, pero insistiu en que os EUA. están obrigados a respectar o dereito internacional, incluído o contido nos tratados contra o narcotráfico e dos que este país tamén forma parte. O organismo de dereitos humanos tamén aclarou que o que corresponde na loita contra o tráfico de drogas é utilizar métodos policiais, como a interceptación legal de embarcacións e a detención dos sospeitosos.
 
         
                
                
				   
             
    
         
                 
    
         
    
         
    
         
            
         
            
         
            
        