Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno comunica á Fundación Franco a apertura do proceso para pedir a súa extinción

O Goberno comunica á Fundación Franco a apertura do proceso para pedir a súa extinción

Cultura alega que a entidade non persegue fins de interese xeral e pedirá á xustiza medidas cautelares para interromper a súa actividade

A Fundación Franco afirma que a súa permanencia está amparada pola Constitución

Sede da Fundación Francisco Franco en Madrid (Eduardo Parra/Europa Press) Sede da Fundación Francisco Franco en Madrid (Eduardo Parra/Europa Press)
G24.gal 31/10/2025 08:45 Última actualización 31/10/2025 11:45

O Goberno comunica este venres á Fundación Francisco Franco a apertura do proceso para pedir a súa extinción, tras concluír que coa súa actividade fai apoloxía do franquismo, humilla as vítimas e non persegue fins de interese xeral, aínda que será a xustiza quen teña a derradeira palabra.

Os trámites para solicitar a extinción da Fundación Francisco Franco comezaron hai máis dun ano, en xuño de 2024, cando empezou a recompilar información o Ministerio de Cultura, de quen depende o Protectorado Estatal de Fundacións.

En concreto, Cultura pediu un informe ao rexistro de fundacións e outro á Secretaría de Estado de Memoria Democrática, xa que o Goberno considera que a Fundación Francisco Franco incumpre coa Lei de Fundacións e coa Lei de Memoria Democrática.

Tras a recepción destes informes, Cultura deu un paso máis, ao comunicar oficialmente este venres á Fundación Francisco Franco o inicio do procedemento para reclamar a súa extinción ante a xustiza.

Fíxoo a través dunha resolución en que debulla as causas polas que na súa opinión debe ser extinguida a fundación, que a partir de agora conta cun prazo de dez días hábiles para presentar alegacións ante o Ministerio.

Apoloxía do franquismo e humillación ás vítimas

Na resolución de 37 páxinas, á que tivo acceso EFE, Cultura baséase fundamentalmente no informe que emitiu o pasado mes de maio a Secretaría de Estado de Memoria Democrática, xa que o rexistro de fundacións sinalou que no seu caso non era competente para identificar as entidades que deben ser extinguidas.

Á súa vez, a Secretaría de Estado de Memoria Democrática achegou un informe da Avogacía Xeral do Estado, outro dun catedrático de Dereito Constitucional e testemuños de vítimas do franquismo, ademais dunha análise sobre a presenza da Fundación Francisco Franco nos medios de comunicación.

Con todo este material, e tras analizar todo o contido da páxina web da fundación, Cultura conclúe que a entidade non persegue fins de interese xeral, que é un dos motivos que poden propiciar a súa extinción, xa que as súas actividades son incompatibles co que inspira a lexislación vixente e proporcionan unha visión inequivocamente positiva do franquismo.

Pero, ademais, asegura que a Fundación Francisco Franco cumpre coas outras premisas que poden acabar coa súa extinción e que están recollidas na Lei de Memoria Democrática: a apoloxía do franquismo, o menosprezo e humillación ás vítimas e a incitación directa ou indirecta ao odio e a violencia.

Para iso, pon como exemplo a publicación de artigos por parte da Fundación cun prisma negacionista, que negan ou minoran o alcance da represión, como o titulado "A mentira dos nenos roubados do franquismo".

O Goberno pedirá medidas cautelares á xustiza

Fontes do Ministerio de Cultura e do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática consideran que recompilaron e achegaron probas suficientes e destacadas para que o xuíz ou xuíza que leve este proceso non teña máis opción que acordar a extinción da entidade.

Engaden que a súa intención é acudir á Xustiza canto antes, sen necesidade de esgotar o prazo de nove meses co que contan a partir de agora, e que solicitarán medidas cautelares para limitar ou interromper a actividade da Fundación ata que haxa unha decisión xudicial sobre a súa extinción.

A Fundación Franco afirma que a súa permanencia está amparada pola Constitución

O presidente da Fundación Francisco Franco, Juan Chicharro, confirmou este venres que presentará alegacións á comunicación do Ministerio de Cultura que inicia o proceso para solicitar a súa extinción xudicial, e defendeu que a permanencia da entidade está amparada pola Constitución, que "garante a liberdade de opinión, expresión e reunión".

En declaracións a EFE, o presidente da Fundación Francisco Franco confirmou que xa recibiron esta resolución do Ministerio de Cultura e adiantou que presentarán alegacións, para o que teñen un prazo de dez días hábiles.

"Nun Estado de dereito estariamos tranquilos porque a Constitución Española garante a liberdade de opinión, expresión e reunión", dixo.

Na súa opinión, esta iniciativa do Goberno é un "Francomodín" para tratar de desviar a atención da opinión pública doutros problemas e acusa ademais o Executivo de "mala praxe democrática", ao solicitar a extinción da Fundación baseándose na Lei de Memoria Democrática, que foi recorrida ante o Tribunal Constitucional.

Doutra banda, sinalou que a resolución do Ministerio de Cultura "parte dun suposto falso", xa que toma como punto de partida uns estatutos da Fundación Francisco Franco que non son vixentes porque "foron modificados".

E cualificou de "ridículos" os argumentos que usa o Ministerio de Cultura para concluír que a Fundación Francisco Franco menospreza e humilla ás vítimas do franquismo.

"É a nosa versión da historia con argumentos históricos", defendeu.

Fontes de ambos os dous Ministerios de Cultura e de Memoria Democrática recalcan que unha cousa é a liberdade de expresión e outra a creación dunha fundación, o cal posibilita, entre outros aspectos, beneficios fiscais, algo ao que aseguran que esta entidade non debería ter dereito. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade