O Vello Cárcere de Lugo será lugar de memoria democrática
O Vello Cárcere súmase así ao pazo de Meirás, á illa de San Simón e Santo Antón e á cidade de Ferrol
En España xa hai 20 lugares declarados de memoria democrática
O delegado de Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, informaron que o Vello Cárcere de Lugo será o seguinte edificio histórico galego declarado lugar de memoria democrática. Pola súa relevancia histórica o Vello Cárcere será o primeiro lugar de memoria democrática na provincia de Lugo.
Hoxe o Vello Cárcere é un centro sociocultural, cun símbolo conciliador co seu pasado represivo. Ao redor de 5.000 presos pasaron polo cárcere durante a guerra civil e a posguerra, onde actualmente se conservan as cartas e fotografías da súa vida dentro deses muros.
O alcalde de Lugo, declarou que o Vello Cárcere "é un lugar onde a pedagoxía nos permite coñecer un pouco máis o noso pasado, e coñecer o noso pasado é bo para traballar polo presente e sobre todo polo futuro".
A prisión súmase ao pazo de Meirás, sede de verán da xefatura do Estado durante o franquismo, ou a illa de San Simón e Santo Antón, espazos usados como penais durante a guerra, ou a cidade de Ferrol. En total, en España xa son 20 os lugares declarados de memoria democrática.