Abre a campaña da voandeira coa expectativa de superar as capturas do ano pasado
Na lonxa de Cambados comercializáronse 315.000 toneladas nunha campaña que consideran "espectacular"
Uns 60 barcos dedícanse á captura da voandeira na ría de Arousa, a maioría coa arte do bou de vara
Uns 60 barcos volveron rastrexar este luns as zonas habituais de produción de voandeira na ría de Arousa. Partían con boas expectativas nesta primeira xornada da campaña, segundo os estudos previos da Confraría de Cambados.
"Segundo as dúas mostraxes que se fixeron antes de empezar, parece que hai bastante produto".
As previsións parecen confirmarse, porque arredor do mediodía xa volvían a porto os primeiros barcos coa cota completa, 50 quilos por tripulante.
"Para ser o primeiro día hai e de bo tamaño. Estivemos pola zona de Vilagarcía".
"A ver se se aguanta", dicía Toño Agra, o patrón do Faisán, o primeiro en atracar no peirao de Tragove cos 150 quilos que lle corresponden con tres tripulantes. As expectativas están altas, porque aquí en Cambados, onde se comercializa o 75 % da voandeira do país, teñen aínda moi presente o balance da campaña do ano pasado.
"Tivemos sobre 315.000 quilos e o prezo foi dos doce ata os tres euros e unha media de 4,50 ou 4,80 toda a campaña; iso son números espectaculares".
O Faisán foi o primeiro en volver ao porto de Tragove coa cota de voandeira no primeiro día de campaña
Contan que iso se volva dar este ano, pero haberá que agardar á hora da poxa e a ver como van as capturas nos próximos días para confirmalo.
"A ver se a fábrica a paga como ten que pagala; a seis euros como mínimo co tamaño que trouxemos hoxe".