Publicador de contidos

Publicador de contidos

Investigadores recuperarán as ovas de cefalópodos comisadas por Gardacostas

Investigadores recuperarán as ovas de cefalópodos comisadas por Gardacostas

A Consellería do Mar e unha empresa biotecnolóxica asinaron un convenio para rescatar as ovas de especies de alto valor comercial e ecolóxico apresadas en aparellos de pesca ilegais

O acordo atinxe o polbo común (Octopus vulgaris), o choco e a lura capturados ilegalmente entre as rías de Pontevedra e de Vigo

G24.gal 02/11/2026 12:00

Octolarvae, filial de Grupo Profand dedicada á acuicultura rexenerativa, colaborará coa Consellería do Mar para desenvolver tarefas conxuntas de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) orientadas á recuperación, incubación controlada e eventual liberación ao medio mariño de postas viables de cefalópodos incautadas polo Servizo de Gardacostas.

A titular deste departamento autonómico, Marta Villaverde, asinou este luns un convenio de colaboración coa citada empresa biotecnolóxica, representada polo seu director técnico, Álvaro Roura; o director de Sustentabilidade de Profand, Antonio Álvarez, e o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Juan Carlos Codesido.

O acordo, informa un comunicado, establece un procedemento operativo coordinado para rescatar as ovas de especies de alto valor comercial e ecolóxico -especialmente o polbo común (Octopus vulgaris), o choco e a lura- que sexan detectadas en aparellos de pesca ilegais ou non identificados, retirados polos axentes de Gardacostas nas augas galegas.

O obxectivo principal do convenio, explica a Xunta na nota, é minimizar a mortaldade destas postas, aproveitando o seu potencial biolóxico para labores de acuicultura rexenerativa e fortalecer a recuperación das poboacións naturais nas rías.

O ámbito de actuación prioritario abarca a franxa costeira comprendida entre a ría de Vigo e a ría de Pontevedra, desde a desembocadura do río Miño ata a praia da Lanzada.

O documento asinado recolle que todo o material biolóxico recuperado terá como destino exclusivo a investigación científica, a incubación asistida e posibles soltas de repoboación, quedando prohibida calquera comercialización das ovas ou das larvas obtidas.

O convenio terá unha vixencia inicial dun ano prorrogable ata un máximo de catro, e enmárcase nos obxectivos do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 e da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3). 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade