As ameixas e os berberechos andan ao prezo do Nadal
A escaseza dos dous bivalvos mantenos caros
Achegámonos á praza de Lugo, na Coruña, para saber como vai este ano o mercado dun dos produtos estrela da gastronomía galega: o marisco.
"Bo percebe, boa cigala, xa empeza a haber un camarón moi bo, ...", enumera Paula García, de Mariscos Aurora.
"Este foi un bo ano de marisco, agás para o de cuncha, que foi o que escaseou, pola calidade da auga. Porque houbo moita chuvia antes do verán e despois subiu moito a temperatura e fixo que morrera moito", explica Gonzalo Abad, de Mariscos Abad.
A escaseza de ameixa e de berberecho afectou ao seu prezo. Dinnos que anda coma no Nadal.
"A ameixa babosa grande estase vendendo a 50 euros e a que lle chaman de Carril ou de prancha, para tomar crúa, estase vendendo sobre 90, 95, 100 euros o quilo", puntualiza Gonzalo Abad.
"Se hai pouco aumenta o prezo, coma todo", subliña Chus Canicoba, de Pescados Chus.
Consultamos tamén entre os compradores como encontran os prezos.
"Miña amiga vive aquí e díceme que os prezos están moi altos", afirma unha muller.
"No mercado os prezos están mellor, por iso vimos ao mercado", asevera unha parella.
"Caro está todo, pero se comparas con outras cidades, aquí se compra bastante mellor que noutros sitios", opina outra compradora.
Os consumidores máis avezados contan con que se supere a falta de berberecho e ameixa e que os dous bivalbos poidan baixar de prezo.
"Están xa preparando e sementando. Eu son de Noia e estou ao tanto", conta unha noiesa.
En todo caso, os vendedores cos que falamos están contentos coa facturación deste ano.
"O importante é chegar e imos ben. Non nos podemos queixar", di Paula García, de Mariscos Aurora.
"Eu este mes de agosto vendín moi ben", confesa Ana Pan, de Mariscos Ana.
Recoñecen, iso si, que agora lles veñen un par de meses habitualmente frouxos en vendas, que volven remotar en novembro e especialmente en decembro.