Unha cooperativa de Taboadela supera os 12.000 quilos de arandos na última campaña
A marca Trasniños leva sete traballando dende Ourense, onde o clima axuda nas exitosas colleitas
Este ano a falta de chuvias obrigou a aumentar o rego, porque cada planta precisa uns tres litros diarios
Aínda quedan algúns na leira. Máis pequenos, pero igual de saborosos. Son os arandos que quedaron despois da gran campaña de recollida desta cooperativa de Taboadela. Precisamente foi o clima desta zona ourensá o que permitiu o éxito.
"Como no verán é unha zona bastante solleira, con bastante calor, o arando colle dozura e adoita ter unha calidade bastante boa". Comenta o xerente da cooperativa Trasniños, Ángel Martínez.
A marca Trasniños, creada hai sete anos na parroquia ourensá de Soutomaior, rematou setembro co logro de apañar uns 12.000 quilos de arandos. A cooperativa arrincou pola demanda que había na zona e, aínda que agora están satisfeitos co traballado, non esquecen o esforzo.
"Necesítase moito coidado, do mantemento das plantas e do terreo. As pólas son moi importantes, para que poida saír a froita con mellor sabor". Explica Ángel dende a leira.
As condicións do chan son importantes, mais tamén as do regadío. Na tempada de medrar, cada planta precisa arredor duns tres litros de auga ao día. A ausencia de choivas foi outra dificultade que superar.
"Este ano foi bo, pero non houbo moita choiva. Tivemos que tirar moito de rego e, ao non haber tanta auga, a froita sénteo e non medra tanto". Relata o mesmo xerente.
Con todo, a empresa remata a campaña satisfeita e aínda que polo momento non prevén facer unha ampliación, teñen como obxectivo tratar de chegar ata os 15.000 quilos nas vinderias colleitas.