Os froitos que chegan á mesa nos meses de outono
O outono ten os seus propios sabores. Chegado este tempo hai no mercado hortalizas e froitas moi saborosas que cobren as demandas alimentarias desta época do ano.
As froitarías énchense das cores e sabores propios do outono. Noces, mandarinas, laranxas ou granadas invaden estes días os estantes de mercados e tendas.
Mais nesta campaña non todas as variedades están tendo a mesma sorte. As condicións meteorolóxicas do verán marcaron a colleita. Na provincia de Ourense, por exemplo, notouse especialmente en produtos coma os cogomelos e as castañas.
Sobre os prezos, dinos Sandra con tenda na Coruña, que desta volta a suba non está a ser tan pronunciada coma a que se viña rexistrando nos últimos anos. Os produtos de temporada copan a oferta e a demanda con protagonismo para aqueles de proximidade. Para moitos, esta segue a ser unha das mellores opcións para levar á mesa.
No outono baixan as temperaturas, redúcense as horas de luz e os hábitos alimentarios cambian. Os froitos de temporada contribúen a manter o equilibrio en vitaminas e minerais necesarios para pasar esta época do ano.