Os apicultores alertan dunha presión sen precedentes da velutina en colmeas e froiteiras
Din que pode haber entre 13 e 20 velutinas custodiando cada colmea
A situación é tan complicada que algúns apicultores están trasladando as colmeas a zonas máis seguras
As velutinas tamén causan danos graves nas froiteiras
O asedio da avespa asiática nas colmeas é asfixiante. Os apicultores din que pode haber entre 13 e 20 velutinas custodiando cada colmea, o que causa graves prexuízos ás abellas.
"Hai moitas zonas onde están asediadas totalmente as colmeas e as abellas non poden saír nin para buscar pole nin auga para consumir nin para levala dentro da colmea e baixar a temperatura interna", advite Esther Ordóñez Dios, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia.
Isto diminúe a poboación de abellas e as velutinas acaban entrando nas colmeas. A situación é tan complicada que algúns apicultores están trasladando as colmeas a zonas máis seguras.
"Houbo que trasladar colmeas de zonas que estaban moi asediadas a zonas un pouco máis altas, con menos problemática de velutina. Unha vez que as xuntan é máis doado ir alí a cambiar trampas, atraínte e controlar a velutina".
E non só atacan ás abellas, as velutinas tamén causan danos graves nas froiteiras. Isto ten os seus riscos.
"Por exemplo, nesta mazá parece que está de marabilla e boto a man e polo outro lado están as velutinas que saen de dentro e poden picar".
Moitos colocan todo tipo de trampas para coller as velutinas, pero, a pesar de atrapar moitas, non conseguen controlalas.