Un apicultor traslada as colmeas de Salceda de Caselas a Chantada por mor da velutina
Tomou a decisión logo de que lle morreran por mor dos ataques da vespa asiática, que acabaron con boa parte das súas colmeas
Vai desde Salceda a Chantada dúas veces por semana e fai máis de cen quilómetros, o que lle supón un importante esforzo físico e económico
Ben sabido é que a velutina, amais de supoñer un perigo para as persoas, é tamén unha ameaza para as abellas e a súa polinización. Ante isto hai quen xa decidiu tomar decisións drásticas aínda que supoña un grande esforzo. É o caso de Joseba Aramburu, un apicultor vasco afincado en Salceda de Caselas que trasladou unhas cen colmeas a Chantada para, literalmente, "salvar as abellas".
Viuse forzado a tomar esta decisión logo de que a velutina acabara con elas. O clima de Chantada, máis frío que "nos lugares cerca da costa", di Joseba, favorece que a velutina non estea tan presente.
Trasladou unhas cen colmeas, quere chegar ás 300, mínimo para ter unha boa produción. Leva tres anos facendo este esforzo para poder sobrevivir.
Leva desde que apareceu a velutina ideando e poñendo trampas. Con todo, asegura, "fan falta máis axudas porque está visto que só coas trampas non chega". Do contrario, advirte, "en breve non quedarán apicultores en Galicia".
Polo momento el vai perserverar, a de apicultor é unha profesión vocacional. O seu mel, con transhumancia e todo, acumula galardóns. Só este ano obtivo un ouro nos Premios Internacionais de Mel de París.