Como buscarlle un fogar a un enxame sen colmea
Os responsables das explotacións apícolas encárganse de levar as abellas a un apiario
Os enxames sen fogar, coñecidos como aéreos, adoitan aparecer cando as raíñas vellas abandonan a colmea e son seguidas por milleiros de abellas. No caso de dar cunha colonia deste tipo, cómpre non molestala e dar aviso ao 112, ao concello correspondente ou directamente á explotación apícola máis próxima, que se encargará de acudir cunha caixa de enxamear, tamén chamada 'portanúcleos'.
"Unha vez chamado, o apicultor levará unha colmea pequena, un portaenxames, e sacudiríanse as abellas para alí, e colocaríanse uns cadros vellos, que xa olen a elas e que teñen mel ou pole", explica o apicultor Álvaro Edrosa, de Mel da Lagoa.
Unha vez introducida na 'caixa portaenxames', a colonia é transportada ata un apiario e instalada nunha colmea baleira, que pode chegar a albergar ata 80.000 abellas.
"É a súa forma de reproducirse. Moitas veces incluso paran nunha árbore e ao mellor as abellas non van quedar aí senón que fixeron unha parada para descansar e marchan. Eu teño ido a buscar enxames, chegar alí, ilo coller e non estar xa", relata Edrosa.
En Galicia hai rexistradas na actualidade unhas 5.000 explotacións apícolas, todas capacitadas para facerse cargo dos enxames sen colmea.