Día Mundial dos Primeiros Auxilios: as manobras que poden salvar vidas
Só un de cada dez pacientes sobrevive a unha parada cardiopulmonar fóra do hospital
Os expertos lembran que é moi importante saber actuar a tempo
No Día Mundial dos Primeiros Auxilios, os expertos lembran que manobras sinxelas coma estas, dunha reanimación cardiopulonar, poden marcar a diferenza entre a vida e a morte.
"Son manobras tan sinxelas e salvan tantas vidas...Simplemente con premer no peito poden facer que non estea aquí ou que estea mañá", explica Roberto Barcala, catedrático experto en Socorrismo na Universidade de Vigo
"A verdade é que non me atrevería a facelo, non teño coñecemento perfecto para poder facelo", opina un corredor que participa nunha carreira.
Din que romper ese medo é fundamental. Calquera persoa, sen formación sanitaria previa, pode facer unha reanimación cardiopulmonar.
"Enlazando as mans sobre o peito da vítima, comprimindo continuamente sen deternos, o tempo nececesario ata que cheguen os servizos de emerxencia", explica Roberto Barcala.
"Si, hoxe en día se pasa aquí algo pois podes botar unha man". "Si, moitas veces é moi necesario, salva vidas", din dous corredores.
Pero antes da manobra, recomendan chamar decontado ao 112 e solicitar un desfibrilador. No caso de que haxa un cerca, o propio aparello dá as instrucións.
"O desfibrilador é un aparato sinxelo, 100% seguro e que ademais ofrece instruccións en tempo real, e acompañado polo servizo de emerxencias, non vai provocar ningún problema", asegura Roberto Barcala, Catedrático experto en Socorrismo na Universidade de Vigo
Actuar con rapidez nunha parada cardiopulmonar é clave. Sen osíxeno, o cerebro sofre danos graves e cada minuto sen actuar reduce a supervivencia nun 10%.