Un edificio en obras cae sobre unha casa en San Paulo e mata dúas mulleres
Os equipos de rescate toparon con vida un home e un neno entre os cascallos e aínda buscan posibles sobreviventes
Polo menos dúas mulleres morreron este sábado tras o colapso dun edificio en construción sobre unha casa na que vivían unha decena de persoas de orixe boliviana, na cidade brasileira de San Paulo, informaron fontes oficiais.
Os equipos de rescate toparon con vida un home e un neno, e aínda buscan posibles sobreviventes entre os entullos, que están a retirar de xeito manual con cubos.
O sinistro produciuse durante a madrugada no barrio de Penha, un dos máis tradicionais da humilde zona leste de San Paulo, a cidade máis populosa do Brasil.
De acordo co Corpo de Bombeiros, o edificio que colapsou tiña varios andares e estaba en construción, aínda que as obras se atopaban embargadas. Nel non vivía ninguén, pero dous obreiros adoitaban durmir no seu interior, segundo as autoridades.
Fortes choivas
O derrubamento coincidiu cunha noite de fortes choivas na capital paulista. Con todo, Defensa Civil aclarou que o accidente non está directamente relacionado coas precipitacións rexistradas durante a madrugada.