Falsa alarma de rescate nas Catedrais, onde algúns non son conscientes da repercusión das mareas
O xoves activouse un dispositivo de rescate pola alerta de que había dúas persoas illadas nas rochas
Horas despois os medios aéreos, marítimos e terrestres retiráronse despois de rastrexar a zona e non detectar a ninguén
Na zona hai múltiples avisos de que o mar aquí sobe e baixa axiña e de que resulta perigoso andar polos cantís
Desfrutar do espectáculo natural da praia das Catedrais ten os seus límites, e non todo o mundo está ao tanto cando a visita. Na zona hai múltiples avisos de que o mar aquí sobe e baixa axiña e de que resulta perigoso andar polos cantís. Malia iso hai quen non ten en conta as indicacións e o fluxo das mareas.
Este xoves alguén alertou de que había un par de visitantes illados nas rochas e activouse un gran dispositivo de rescate, que se pechou ao cabo dunhas horas despois de rastrexar a zona. Suponse que ao cabo lograron saír polos seus propios medios.
Os desaloxos ou o corte de entradas faise cada vez que as condicións do mar o aconsellan, como pasou nunha xornada deste mes de xullo, pero rara vez cómpre facelo, e malia o gran número de visitas, Marieta Pérez, informadora turística do Concello de Ribadeo, di que tampouco se rexistran incidentes relevantes. Recalca que, tendo precaución e sabendo a onde se vén, non hai ningún tipo de problema.