Publicador de contidos

Publicador de contidos

"O mar arrastrábame máis e máis, non daba saído", di a muller rescatada en Riazor

"O mar arrastrábame máis e máis, non daba saído", di a muller rescatada en Riazor

Unha onda arrastrou mar adentro a Eliana mentres lía un libro na praia: "A todas esas persoas que me deron a man, arriscaron a vida por min sen coñecerme, dicirlles que estou de verdade agradecida", di emocionada

Eliana, de 34 anos, veu de Colombia para estudar un máster na Universidade da Coruña, e só levaba alí 15 días

Acudiron auxiliala varias persoas, que conseguiron rescatala formando unha cadea humana

G24.gal 26/10/2026 14:18

Era a unha e media da tarde. Eliana lía un libro á beira do mar en Riazor, cando a tragou unha onda. 

"Vin que había máis xente pola praia, sentinme segura, vin o mar normal e sentei", lembra. Di que se puxo a ler, distraída e, de súpeto, arrastrouna unha onda. "Foi nun momento, non lograba levantarme e arrastrábame máis e máis", relata. 

Logrou pedir auxilio e, instintivamente, un home meteuse por ela. Pero o que din os expertos é que hai que controlar ese instinto. 

"Instintivamente vas axudar unha vítima, pero o primeiro que hai que facer é chamar o 112. Son os que saben o que hai que facer", explica Nuria Rodríguez, presidenta da Federación de salvamento e socorrismo de Galicia.

Entende que "parece moi longo" ese tempo ata que chegan os servizos de emerxencias, pero lembra que "sempre é mellor un accidentado que dous". Neste caso, di que "puido haber máis vítimas".

Porque o mar estaba bravo, e nos vídeos que circulan polas redes vese como o primeiro home que entrou socorrer a Eliana non dá feito. E axiña se monta unha cadea humana para axudar no rescate. Houbo sorte, porque se puxeron todos en risco. Máis seguro sería botarlle un cabo dende terra, di Nuria.

"Era mellor lanzarlle algún obxecto, unha corda ou algo para que se agarre e poder sacala mellor", explica.

En caso de facer unha cadea humana, habería que "agarrararse ben polos antebrazos, ben forte", para estar máis seguros. E quitar "todo o que nos pese" por se nos leva o mar.

Pero, en todo caso, di que non é recomendable arriscarse: "Non aconsellamos en ningún momento facer esa técnica da cadea humana", reitera. Tamén ten un consello no caso de que te leve o mar: mellor deixarse ir que rebentarse contra a corrente. 

"Nesa situación o que tes que tentar é relaxarte. A onda vaite sacar outra vez cara á ribeira, e é importante estar relaxado", explica.

Así que os que se botaron o mar tiñan moito en contra, e, contra todo prognóstico, conseguírono. Sacaron a Eliana da auga. Foi trasladada despois o hospital, pero di que a única secuela que ten é o susto e a angustia polo que viviu. 

"Foi horrible, e agora vexo os vídeos e é bastante angustioso lembralo", di.

E deixa unha mensaxe de agradecemento para os seus rescatadores:

"A todas esas persoas que me deron a man, arriscaron a vida por min sen tan sequera coñecerme, dicirlles que estou de verdade agradecida", di emocionada. 

Eliana, de 34 anos, veu de Colombia para estudar un máster na Universidade da Coruña. Só levaba aquí 15 días, cando volveu nacer.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade