Evacuadas doce persoas dun tren detido no interior dun túnel en Mañón debido a unha chapa na vía
As persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadoiro sen maiores complicacións
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o persoal de Adif informou ao 112 Galicia de que un tren se atopaba detido no interior dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía.
Aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, necesitaban medios de rescate para baixar do convoi e trasladarse ata o apeadoiro máis próximo.
Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadoiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
O Adif informou que a incidencia, que afectou á circulación entre Ortigueira e Viveiro, xa foi solventada.