O guindastre municipal intervén para rescatar unha muller atrapada entre dous coches en Vilagarcía
Trátase dunha señora maior que caeu no aparcadoiro do ambulatorio de Vilagarcía ao saltar o muro da calzada
Estaba ferida e con moita dor e os sanitarios non podían acceder para evacuala debidamente
Recomendan non saltar por riba do muro do aparcadoiro polo risco de caídas
O aparcadoiro do Centro de Saúde de San Roque, en Vilagarcía, esta nunha rúa lateral do edificio. A área de estacionamento está separada da calzada por un muro que moita xente salta para atallar cara á porta de acceso ás consultas. Pero este proceder ten os seus riscos, como se evidenciou unha vez máis estes días.
"A persoa en vez de dar a volta arredor quixo saltar a beirarrúa, coa mala sorte de quedar atrapada entre dous vehículos e quedou alí".
Quen quedou atrapada de mala maneira foi unha muller de 86 anos que se lesionara na caída. Rescatala non foi doado. Amais dos equipos sanitarios, tivo que intervir o guindastre municipal.
"Cortamos o tráfico de acceso o aparcamento e desprazamos o coche para atrás un coche un par de metros para que os sanitarios puideran meter a padiola e que a señora sufrise o menos posible, que estaba consciente pero tiña moita dor"
Non é a primeira vez que os axentes locais teñen que prestar auxilio por caídas nesta rúa, onde o risco se ve agravado por unha pendente de máis do 7 %. Por iso insisten en que é mellor non saltar por riba do muro do aparcadoiro.
"É moi arriscado, sobre todo para persoas de idade é mellor dar o camiño longo en liso que andar a saltar chanzos".