Deteñen o suposto autor do atraco a un supermercado de Pontedeume
O autor do atraco entrou coa cara descuberta e armado cunha escopeta de caza en man
Está previsto que este mércores pase a disposición xudicial
Un home irrompeu nun supermercado de Pontedeume, coa cara descuberta e armado cunha escopeta de caza.
"Ao principio a caixeira pensaba que era unha broma, pero ao disparar xa lle deu todo o que tiña". "Eu escoitei o disparo, pero non sabía que pasaba".
Pasaban dez minutos das dúas da tarde e había pouco que a Policía Local marchara da contorna.
"Era unha hora punta porque saen os nenos do cole ás 13:45 e os pais entran no súper mercar". "Levaron os clientes para un cuarto".
O atracador, tras disparar ao teito do supermercado e facerse cos cartos da caixa, uns 200 euros, fuxiu no seu coche que deixara aparcado xusto diante da porta do negocio.
"Á caixeira deulle un ataque de ansiedade, non paraba de chorar e tremía".
Un cliente que presenciou o atraco e que estivo en todo momento coa caixeira, foi quen tamén de reter a matrícula do vehículo do delincuente. E grazas a isto, pouco despois, a Garda Civil localizouno e prendeuno na Coruña, no barrio da Sardiñeira.
Porén tras o suceso, en Pontedeume seguen aínda co medo no corpo.
Está previsto que, o atracador, pase este mércores á disposición do xuíz.