Publicador de contidos

Publicador de contidos

Atracan pistola e coitelo en man un establecemento 24 horas en Santiago

Atracan pistola e coitelo en man un establecemento 24 horas en Santiago

Dous homes coa cabeza cuberta e vestidos de negro levaron uns 200 euros en billetes: "rápido, rápido!"

A dona, unha muller chinesa que estaba detrás do mostrador coa netiña dun ano nos brazos, deulle os cartos sen resistencia

 

G24.gal 20/11/2026 14:25

O susto foi grande. Relátao a dona, unha muller chinesa, apoiándose en xestos para reforzar o seu castelán. 

"Entraron na tenda e só traían un coitelo e unha pistola. Viñeron cara a min e pedíronme os cartos e mandaron ao meu marido para o outro lado".

As cámaras recollen toda a secuencia. Entran pistola e coitelo en man. Apartan o marido para un lado e van dereitos a ela, que estaba sentada detrás do mostrador coa netiña pequena.

"Veu unha persoa para a miña caixa e díxome que abrira e que lle dera os cartos. Deille todo e dicíame 'máis rápido, máis rápido!", engade.

Tiñan présa. Coa pequena nos brazos, a muller non reparou en darlle a caixa con toda a recadación do día. Levaron só os billetes, uns 200 euros. O solto deixárono espallado enriba do mostrador. 

"Ían todo de negro, a cabeza, a camisa. Todo negro. E levaban guantes", describe.

En menos de dous minutos estaban fóra. Marcharon á carreira, rúa abaixo, sen tan sequera sacar as capuchas.

"Eu non vin coche. Saíron cara a gasolineira, para a outra rúa", segue a muller.

Fáltanlle palabras para contar como a meniña, dun aniño, se botou a chorar e como a abrazou con forza. Pasou medo por ela. Tanto que aínda lle doe o corpo.

"Doíame moito o estómago e as costas. Moitísimo!", láiase.

Superado o momento, queda co bo, coa axuda dun mozo e dunha moza que pasaban pola rúa e da propia policía.

"Un mozo e unha moza axudáronme co teléfono para chamar a policía. Viñeron moi rápido. Moi ben. España moi ben", celebra a muller.

Levan preto dun ano coa tenda aberta. Sempre hai pequenos furtos, bebidas ou barriñas de chocolate sen pagar, pero nunca imaxinaran un trago así.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade