Resolven o misterio que deixou a 48 familias sen ascensor
Subas de tensión obrigaron a bloquear os ascensores durante 10 días
Un electrodoméstico dun bar próximo orixinaba a avaría
Por fin os veciños da rúa luguesa de Montero Ríos ven a luz. Catro edificios cun total de 48 vivendas pasaron 10 días sen ascensor. Algo facía saltar os limitadores, e para evitar danos nos elevadores, recentemente postos, tiveron que bloquealos. Esta situación xerou moitas incomodidades, especialmente aos veciños dos andares máis altos e á xente de maior idade.
"Case semana e media e vivindo nun sexto. A min doíame unha perna e ao meu marido, as dúas..., non podiamos saír".
"Pois xa imaxinas, e encima sendo maior, miña nai. Mal, doíanme as cadeiras e os xeonllos".
Agora, xa coa tranquilidade de contar de novo co ascensor, relatan as anécdotas vividas para facerlle fronte á situación.
"Levaba unha bolsa e procuraba non levar cousas que se estragaran. Eu collía a bolsa e tirábaa para arriba e despois subía e cando a collía volvía tirala, ía todo feito caldo".
Tras dez días resolveuse o misterio, a orixe da avaría estaba nun electrodoméstico dun local de hostalería pechado, situado nunha rúa lindeira.
O establecemento compartía a mesma toma eléctrica que os inmobles afectados e, botando man da expresión, fixo saltar chispas entre a veciñanza.