O ascensor dos Concheiros, en Santiago, sen solución á vista
Estragouse un mes despois de que o repararan e leva tres semanas fóra de servizo
O problema está nunha peza dos cables, que rompe polo efecto do sol
Sesenta chanzos, contados un por un, subidos paso a paso.
"Teño 90 anos e cústame traballo. Xa leva así polo menos tres semanas ou máis"
"Custa moito, para nós e para moitos, pero para nós. Hai que pelexar e ir subindo pouco a pouco"
O ascensor salva o desnivel entre Os Concheiros e o barrio das Fontiñas, con colexios, centro comercial, xulgados e mesmo o centro de saúde. O sobe-baixa é constante.
"Amólame moito ter que subir a escaleira aínda que me faga ben para o corazón porque vou con présa e despois veño cargada"
"Subir isto" Hai que pensar que agora hai máis xente maior ca xente nova e subir estas escaleiras, deixa baldado a un. E por aquí hai tamén moita xente en cadeira de rodas e o ascensor é unha marabilla para esa xente"
Para esa xente e para máis.
"Mesmo bebés. Hai nais cos carros e persoas maiores que dan pena porque soben agarradas ao pasamán para poder subir"
"A min tamén me custa, sobre todo subir. Baixar, baixo ben, pero como teño mal as pernas, amólame"
"Neste caso estou fastidiado porque estou con muletas e teño que dar toda a volta porque vou ao centro de saúde"
Suponse que o problema está nunha peza, nunha parte dos cables que rompe cando lle pega o sol, pero desta vez durou menos aínda da normal. Repárono en maio, despois dun mes parado, e pouco máis aguantou.
"Eu non sei cal é o problema. Sei que o outro día veu un operario, puxo a cinta e dixo que vai para tempo... é unha peza pero eu penso que cambiándoo e poñendo un novo, sería máis rápido porque levamos vinte días ou asi"
"Non sei que lle pasa, pero é un ascensor que usa moita xente. Foi unha marabilla. Quedamos moi contentos cando o puxeron, pero é un desastre!"
A asociación de veciños A Xuntanza pide que se axilice a reparación e que se busque unha solución máis duradeira. O Concello barallara colocar un flitro solar que protexa os cables.