Fartos dos anegamentos na rúa Fernando Olmedo de Pontevedra
A chuvia entrou en tromba en garaxes e negocios e mesmo arrastrou colectores rúa abaixo
A orixe dos anegamentos está no rebordamento do río Valdecorbos
Piscina improvisada en plena rúa, e chove sobre mollado.
"Esta é a primeira deste mes. Levo aquí 35 anos e hai catro ou cinco por ano. Menos imposible".
"Este ano levamos seis ou sete. A de hoxe rebordou o vaso porque subiu ata unhas alturas duns 60 centímetros".
Primeiro día de chuvia serio do outono. A penas uns minutos, pero suficientes para que a rúa se convertera en río.
"Baixei correndo e xa estaba isto perdido. Xa non había nada que facer. Houbo que esperar a que baixar a auga de fóra para sacar a de dentro".
"Pola experiencia doutras veces, non me pareceu que chovera tantísimo. Certo que foi en pouco tempo pero nin sequera estaba a preamar".
Os colectores colleron vida e foron facendo o seu propio camiño, mentres a auga entraba en tromba en garaxes e negocios.
"Moitísimos danos materiais. Un coche tivo que levalo o guindastre e outros tres sacámolos entre os veciños, cos inherentes problemas de seguridade".
"Ao chegar xa vimos que empezaba e como tes a experiencia doutros anos, xa empezamos a sacar os coches. Coa axuda da miña muller, puidemos pór a salvo os coches dos clientes".
"O carbón e todo o que é de papel marchou todo, manteis, panos de mesa, a alfombra da entrada".
A orixe dos anegamentos está no río Valdecorbos.
"Estanse metendo as pluviais de media Pontevedra nun río que non ten a capacidade de desaugar. Non é normal que un río tan pequeno, cunha galería de 1912, se lle estea metendo tanta carga de auga".
E, segundo denuncian, na falta de previsión despois de meses de seca.
"Había prealerta pero xa viamos que non estaba a facer limpeza de beirarrúas e aquí hai varias árbores que, como estamos no outono, caen as follas".
"Tiven que levantar as arquetas eu e meter a man no lixo porque estaban cheas de follas. Se estiveran limpas, a metade do anegamento podíase evitar".
Foi a primeira deste outono, pero dan por feito que non será a última, porque o peor do inverno está por vir.