Vila de Cruces establece restricións no consumo de auga
A auga de captación arrastra moitos sedimentos
Un bando municipal avisa os veciños de non usar a auga da traída para beber nin cociñar
A auga da billa sae turbia hoxe en Vila de Cruces. Cando sedimenta apréciase máis.
"A auga esta fin de semana estivo bastante turbia, o certo é que hoxe sae algo mellor e a nós aquí na carnicería fastídianos que saia así porque, por exemplo, o tema dos callos, pata e ventre cámbiaselles a auga todos os días, e así saíndo turbia ao segundo, terceiro día xa os hai que tirar porque se poñen marróns e, claro, normal, a xente non os quere", conta Toño Mosquera, carniceiro.
Empezaron a notar o problema hai xa algúns días
"Sobre 20, 15 días", apunta un veciño.
Pero non foi ata o venres que o Concello recomendou a través dun bando nas súas redes sociais que non se usase para cociñar nin beber. Dende a empresa que xestiona o servizo din que a auga nunca deixou de ser apta para o consumo aínda que si presentaba valores altos de turbidez. Con todo, a semana pasada houbo varios afectados con problemas gástricos.
"O médico díxolles a varios que non a bebesen porque tiveron algo de gastrite aí creo que no colexio e máis houbo algún obreiro".
"Puxéronse mal o martes. O martes pola tarde chegáronme do cole e pola noite vomitaron os tres, teño tres. Uns vómitos criminais e case todos os nenos do cole estiveron mal, non sei se foi pola auga ou porque foi pero fatal", apuntan os veciños.
Por precaución os veciños están tirando da auga embotellada.
"Nós agora mesmo estamos comprando auga para cociñar e beber", conta unha muller.
Tamén se nota máis afluencia do habitual nas fontes.