Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os hoteis de Vigo están cheos na fin de semana do prendido das luces

Os hoteis de Vigo están cheos na fin de semana do prendido das luces

A ocupación na cidade sitúase entre o 90 e o 95%

G24.gal 14/11/2026 15:01 Última actualización 14/11/2026 15:30

Non queda nada para que Vigo comece a relucir en todo o planeta. Ás 20:00 activaranse as 12 millóns de luces led, espalladas por 500 rúas. Milleiros de adornos iluminarán unha cidade na que haberá días nos que non se fará de noite. 

Os cinco millóns de visitantes, cifra que dá o Concello de Vigo, aséntase en gran medida en que o Nadal dura unhas oito semanas. Son dous meses cheos de xente que compra, consome, come e cea nos restaurantes vigueses e pernocta na cidade e a súa contorna.

Os rexistros de ocupación sitúan os hoteis da cidade en cifras entre o 90% e o 95% da ocupación e o sector xa conta con eses ingresos fixos. De feito, os meses de novembro e decembro ocupan o segundo posto na ocupación hoteleira despois de xullo e agosto.

Quedan corenta días para o Nadal e os hoteis de Vigo xa locen engalanados. Neste día do acendido súmase o desfile Disney e varios influencers elaborarán os seus contidos desde varias habitacións con balcón neste hotel, o Atlántico. Aquí non quedan habitacións para este sábado. 

"Son familias volcadas ante a ilusión dos nenos, pero tamén moitas parellas que veñen a disfrutar da luces, da gastronomía, das paisaxes...en canto á procedencia, nacional, maioritariamente, da zona norte de Galicia, de León, de Aturias, e sorprenderá que temos moitos visitantes de Canarias. E por suposto os queridísimos veciños portugueses que están fascinados polo Nadal de Vigo", conta a TVG Brais Rodríguez, director do Hotel Atlántico.

Camiñamos uns pasos ata outro hotel do centro, o NH Collection. Mesmo panorama. Sen case habitacións dispoñibles. Cóntannos que as reservas xa están feitas hai tempo. A ocupación é do 95% esta fin de semana do prendido das luces, a ponte da Constitución e as fins de semana ata Reis.  

"Desde o venres ata o domingo temos un cheo total de xente con nenos, de parellas que queren vir pasar unha noite especial, de familias, a verdade é que moi positivo. Agora entre o Camiño de Santiago, o verán, que cada vez estamos máis de moda, e agora coas luces estaase rompendo a estacionalidade, que é algo moi importante no sector turístico", engade Paula Toro, a relacións públicas do NH Collection.

A cidade xa cheira a leds e os visitantes xa empezan a fotografarse cos motivos do Nadal. Este 2026 a novidade que promete recibir máis retratos son dous cabalos adornado en consonancia coa cidade de Vigo, onde vive o Nadal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade