Setembro, mes vacacional: Galicia rexistra un aumento de máis do 13% nas noites de aloxamento
É o maior aumento en España por diante de comunidades como Cantabria ou Madrid
Entre os meses de xaneiro e setembro, Galicia superou os seis millóns de viaxeiros
Galicia rexistrou case 1 millón 700.000 noites de aloxamento en setembro.
É un 13,1% máis ca en 2025, o maior aumento en España por diante de comunidades como Cantabria ou Madrid.
Desde o sector falan dunha tendencia en alza que este ano se viu reforzada polo bo tempo. "Iso, sen dúbida, axudou a que se estenda moito o cliente vacacional, sobre todo as fins de semana. E isto unido a estas outras dúas patas que axudaron, o turismo corporativo ou de empresa e o turismo de congresos, na Coruña, por exemplo, situámonos ao redor do 86% de ocupación, case seis puntos por riba do ano pasado", sinala Agustín Collazos, presidente da Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña (Hospeco).
As case 950.000 persoas aloxadas supoñen un 8,2% máis de viaxeiros. Son datos do INE que inclúen hoteis e outros establecementos. O turismo rural e os campamentos foron os que máis medraron: máis do 30% en ambos os casos.
Visítannos máis e quedan máis tempo. A duración da estadía media subiu un 4,5%. "As persoas que empregaron as fins de semana do mes de setembro como vacacionais alongaron un pouco dous días antes ou dous días despois e por iso a estancia incrementouse", asegura o presidente de Hospeco.
Entre os meses de xaneiro e setembro, Galicia superou os seis millóns de viaxeiros.