Publicador de contidos

Publicador de contidos

A festa do Samaín enche os hoteis e a hostalería da cidade de Ourense

A festa do Samaín enche os hoteis e a hostalería da cidade de Ourense

Os hoteis rexistran unha ocupación do cen por cento para esta fin de semana, cun turismo en auxe atraído pola celebración do Samaín

O programa de actividades inclúe actuacións musicais, obradoiros de cabazas, túnel do terror, performance, flahsmob e un multitudinario desfile de disfraces

G24.gal 31/10/2026 15:50 Última actualización 31/10/2026 17:01

Cheo total en Ourense para desfrutar esta noite das celebracións do Samaín. É unha festa que atrae cada vez máis turistas, nacionais e tamén portugueses, que transforma as rúas da cidade en espazos de medo e diversión, unha celebración que vai gañando sona e participantes ano a ano.

A ocupación hoteleira roza o completo este ano. Acompaña que cadra a festa na noite do sábado para o domingo, o tempo é bo, así que o cheo está garantido. Nin un oco libre nos 21 cuartos deste pequeno hotel do centro da cidade de Ourense. Un cheo motivado pola festa do Samaín, que atrae cada vez máis visitantes.

"Para esta fin de semana do Samaín estamos ao completo, con todos os cuartos reservadas. A verdade é que, duns anos ata aquí, notamos que a ocupación medrou moitísimo", sinala Andrea Hermida, recepcionista do Hotel&Spa Imi, situado no centro de Ourense.

"Escoitamos que esta festa colleu moito auxe, que a xente de aquí é moi dada á xoldra e a disfrazarse, así que nós decidimos apuntarnos".

"Somos de Madrid e viñemos para estas festas, porque soubemos que ao alcalde encántalle facer unhas boas festas tanto de Samaín coma do Entroido. Así que viñemos aquí para desfrutalo", comentan dúas turistas madrileñas que van pasar estes días na cidade das Burgas.

Unha celebración que se converteu xa nun reclamo tuísitico de primeira orde, do que se beneficia a hostalería local.

"Non damos abasto, e teremos déficit de camareiros para hoxe. A verdade é que hai moita xente, máis que o ano pasado, xente que vén de novo, sobre todo de fóra", comenta Dabila, camareira nunha cafetería situada na Praza Maior de Ourense

Locais e espazos públicos da zona vella ambiéntanse para acoller as distintas actividades programadas para esta noite. Os veciños da famosa aldea de Chaioso, en Maceda, traen ata a praza de Santa Eufemia un camposanto encantado.

"Recreamos un cemiterio, sacaremos a motoserra, haberá meigas..., de todo. Faremos que a xente se divirta e tamén que pase algo de medo", asegura José Manuel Merino, veciño da aldea de Chaioso, en Maceda, onde cada ano montan unha pasaxe do terror que xa é famosa en toda a provincia.

O cartel deste Samaín inclúe música, con actuacións de Uxía Lambona e a Banda Molona, para os máis cativos; e das orquestras París de Noia e A Gramola, para o remate da festa. Haberá tamén os tradicionais obradoiros de cabazas, o túnel do terror, animación de rúa, flashmob e o multitudinario desfile de disfraces, que rematará na Praza Maior. O propósito é pasar unha noite tan terrorífica coma divertida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade