O Samaín, protagonista das aldeas de Piñor, onde o medo tamén é un xeito de dar a benvida
Na terra de onde saen boa parte dos cadaleitos feitos en Galicia para toda España, os cadaleitos, os esqueletos, as bruxas e as pantasmas tomaron as fachadas das vivendas
As decoracións terroríficas das casas serven para dar a benvida e atraer visitantes que quedan abraiados cos escenarios terroríficos
O espírito do Samaín apoderouse xa dalgunhas casas do concello ourensán de Piñor. Son as decoracións feitas pola veciñanza e non deixan indiferente a ninguén.
Na aldea de Cotelas, o medo tamén é un xeito de dar a benvida. As criaturas terroríficas apoderánsonse desta casa. Pero aquí os sustos lonxe de espantar, atraen as visitas.
"Todos os días, peregrinos, veciños,xente que pasa no coche, todo o mundo", asegura Liliana Pérez, coñecida xa polas súas decoracións de Samaín
Detrás deste escenario de terror para o Samaín están a imaxinación e as mans de Liliana para crear. Hai cousas mercadas, pero case todo está feito por ela. A súa experiencia no escaparatismo na súa tenda do Carballiño ten algo que ver para a atracción que crean as súas decoracións.
"A tea de araña a bañeira que é do meu marido, do traballo. Eu teño unha tenda de lencería e gústame decorar, si que me gusta que sexan as cousas bonitas, que a xente as disfrute vendo, sobre todo", di Liliana Pérez.
Coa axuda da súa famlia vai preparando as decoracións e cada ano teñen novas sorpresas, como as inquietantes figuras que se moven.
"Tentamos sempre pór cousas novas para que haxa innovación e que a xente teña ese gustiño de volver mirar".
Imposible non botar unha ollada se pasas de camiño de Piñor.
"Imos a unha casa rural e de camiño vimos un cartel e achegámonos a velo. Está moi chulo. Encantounos, esta noite viremos a velo", di un visitante que se achegou coa súa parella porque din son amantes da temática do terror.
Os que veñen repiten cada ano, e a escuridade fai a visita máis arrepiante, con música e lambetadas.
"Así levamos seis anos, e que sexan máis", afirma Liliana que pón todo o seu saber facer para chamar a atención da veciñanza e dos visitantes.
A pouco máis de dous quilómetros e sen competencia hai outra casa preparada xa para celebrar o Samaín. Aquí tampouco lles falta detalle: as bruxas as cabazas e as pantasmas convidan a vivir a experiencia non apta para medorentos.