Publicador de contidos

Publicador de contidos

Marcada escaseza de cogomelos comestibles neste outono

Marcada escaseza de cogomelos comestibles neste outono

A seca e as altas temperaturas en sucesivas campañas agravan a crise micolóxica nos montes do país

Os níscaros que se poden adquirir nas tendas proveñen de países como Polonia
Félix Aragunde 27/10/2026 20:42 Última actualización 27/10/2026 20:55

A escaseza de cogomelos nos montes galegos agravouse nesta campaña. A seca pertinaz e as altas temperaturas dos últimos meses fixeron que este outono apenas se vexan exemplares dalgunhas das especies comestibles máis valoradas, como é o caso dos boletos ou os níscaros.

"Houbo moi poucos boletos ata agora, moi poucos. Creo que tiven unha vez. E o que hai, que é níscaro, tráese de Polonia", afirma Yolanda Pérez Blanco, dependenta dunha froitería de Lugo. 

"Para divulgación, temos moitas cousas que ver e estudar, pero das especies que se buscan para consumo, como boletos do grupo edulis, níscaros, etc., si que é certo que non hai moito. Son especies nas que o micelio está asociado coas árbores, son micorrícicas, e son máis delicadas en canto á afectación polo cambio climático", explica Julián Alonso, presidente da asociación micolóxica Lucus. 

Así e todo, os expertos en fungos non dan por perdida a campaña de cogomelos comestibles. Outras especies comerciais, coma os cantarelos ou as linguas de vaca, aínda poden facer aparición no que resta do outono. 

 "Se agora imos avanzando, seguramente cambie máis bruscamente cara ao frío e certas especies de finais do ano, como as trompetas ou os cantarelos, aínda teñan ocasión de saír en certa cantidade", sinala Alonso. 

En contraposición ás especies que máis se botan en falta, si abundan outras coma os champiñóns ou os cerrotes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade