A chegada do outono obriga a facer cambio de armario e renovar pezas de roupa
A aparición do frío e do vento nesta fin de semana fixo que os galegos sacasen os abrigos
Por se había algunha dúbida de que o verán marchara, a roupa que vemos pola rúa xa o deixa claro. Coa baixada das temperaturas, os galegos aproveitan nestes últimos días para mudar os roupeiros.
"Nótase o cambio. Estas semanas viña facendo un clima más de verán e agora, coa chegada do outono, nótase o frío e o vento".
Abrigos, chaquetas, botas e mesmo bufandas para enfrontarse ao aire e o frío que se presentaron nesta fin de semana. Algúns aínda pensan que van tarde e outros xa se anticiparon ao tempo.
"Aínda non fixen o cambio de armario, pero vendo as temperaturas de agora penso que non o poderei aprazar moito máis".
"Eu xa rematei o cambio. Xa teño só roupa de inverno, porque a de verán é inútil".
Hai quen aproveita para facer renovación. Nos comercios de roupa xa o teñen en conta, como se pode ver nos escaparates. Nunca é mala hora para estrear algunha peza da nova temporada.
"Algo caerá seguro. Se non é no 'Black Friday', haberá que esperar a Reis".
"Penso que hai que renovar as pezas de roupa todos os anos".
Chega a época perfecta para os que prefiren abrigarse coa friaxe antes que sufrir a calor do verán.