O embarcadoiro das Xubias utilizouse durante séculos para cruzar a ría do Burgo
O núcleo coruñés conserva a súa esencia mariñeira e a maioría dos veciños aínda ten unha lancha
As Xubias de Abaixo conserva trazos da paisaxe tradicional dunha ribeira estreitamente vencellada á ría do Burgo. Moitas das vellas casas mariñeiras seguen en pé, xuntos aos embarcadoiros e as pequenas lanchas coas que a veciñanza cruzaba á outra marxe. Hai constancia documental de que en 1491 o Concello da Coruña estableceu un servizo público de barca neste lugar, daquela coñecido como A Pasaxe da Foz.
"O barqueiro tiña a obriga de ter unha barca e unha casa neste lado da ría para que o servizo funcionase desde o amencer ata o solpor. Tiñas que pagar unha branca, unha moeda de vellón que permitía unha viaxe de ida e volta para unha persoa. Se ías cun animal pagabas outra branca e se levabas mercadorías, outra branca máis", explica o historiador Xosé Alfeirán.
O paso regular da barca convivía coas travesías nas embarcacións particulares. A apertura da ponte de ferro da Pasaxe, en 1901, mellorou a comunicación por estrada con Santa Cristina, pero non acabou co costume de atravesar a ría en lancha.
"Moita xente das Xubias pasaba pola súa conta e seguramente moitos coruñeses lembrarán que de pequenos, nos anos 60 ou 70, cruzaban para ir á praia de Santa Cristina nestas barcas cos mariñeiros da zona", engade Xosé Alfeirán.
O núcleo tradicional das Xubias aínda consegue evocar aqueles tempos.