A mostra documental 'Mares da fin do Mundo' divulga a realidade costeira en Rianxo
O festival de cine trae obras vinculadas á pesca e a sostibilidade dos recursos naturais en distintos lugares do planeta
A carón das proxeccións desenvólvense actividades vinculadas ao patrimonio marítimo e á pesca sostible
Unha mirada ao mar filmada co foco posto na pesca artesanal, no respecto ambiental e no noso patrimonio mariñeiro. Iso é a Mostra Internacional de cinema documental Mares da fin do Mundo, que se está a celebrar en Rianxo e que sae fóra das salas nunha travesía pola ría de Arousa.
A novena edición da mostra que se somerxe nas augas salgadas de medio mundo lévanos, entre filmes documentais ás historias da xente do mar. Ramón Collazo, carpinteiro de ribeira dos Estaleiros Catoira, amósalles aos cineastas e ao público do festival o trazado do sancosmeiro que está construíndo.
"O que pretendemos é achegar á xente á carpintería de ribeira. Galicia ten desde sempre un idilio entre o mar e o monte. Esta é unha mostra do que foi a nosa realidade cultural e patrimonial", explica Collazo
No taboleiro de deseño está o guión e detrás o sancosmeiro practicamente listo para ser botado ao mar. Son os relatos de vida das embarcacións, de quen as fai e de quen voga nelas. A travesía de hoxe continúa a bordo do balandro Santa Cruz, que despois de décadas descargando mexillóns navega agora para divulgar o patrimonio mariñeiro.
"A cidadanía non sabe o que ocorre no mar, non o coñece e non sabe como se traballa, non saben como viven as vilas costeiras. A idea é esa, abrir ventás para que o público poida establecer criterios arredor do que está sucedendo nos territorios costeiros e nos océanos coa biodiversidade, o quecemento global e esta problemática que cada vez vai ser maior e máis urxente", di Marcos Gallego, responsable da Mostra de cine documental Mares da fin do mundo.
Vidas que pasan da realidade á pantalla, como a curta que mañá clausurará esta mostra, Fillos dunha batea.