Os pecios mariños, reservas de bioversidade e de preservación do patrimonio
Un barco afundido de xeito programado e ben descontaminado pode acabar sendo segundo as fontes consultadas, unha fonte de riqueza
Ante as últimas noticias sobre barcos afundidos adrede nos Estados Unidos e México, para crear arrecifes, a pregunta é cal é o impacto que poden ter este tipo de prácticas sobre os fondos mariños. Javier García Galdo, biólogo mariño, afirma que os pecios acaban por crear unha reserva de biodiversidade e, ademais, poden favorecer o turismo de mergullo.
"O obxectivo é crear un ecosistema novo que permita que se asenten novas comunidades de peixes e mariscos. Para preparar un barco -para afundir-, primeiro hai que limpalo, deixalo sen combustible, plásticos, pintura, e deixar só a estrutura metálica que vai ser un lugar idóneo para que se asenten nun primeiro momento bacterias, algas e esponxas; e, despois, iso serve como atraente para crustáceos e peixes, que se suman ao ecosistema", afirma o experto.
Cunha historia de navegación que se remonta ao neolítico, hai xa en Galicia máis de mil barcos afundidos en que desovan e moran diferentes especies. "Hai moitos máis pero temos localizados uns noventa barcos de interese histórico", explica Miguel Sanclaudio. O doutor en arqueoloxía subacuática afirma que catalogar, descubrir mesmo crear novos pecios é tamen unha forma de conservar.
O submarino Isaac Peral afunde o patrulleiro Infanta Elena, previamente descontaminado, durante un exercio con fogo real da Armada española
"Para a conservación do patrimonio por suposto é positivo, porque moitos destes barcos e avións que hai afundidos son os únicos que quedan da súa época para poder ser estudadados. E despois hai lugares e vilas espallados ao longo do mundo que viven exclusivamente dun naufraxio", explica Sanclaudio.
Consideran que de xeito programado, lonxe ser lixo ou comportar risco de turistificación, poden achegar riqueza, coñecemento e sostibilidade.
"Ao final tamén os mariñeiros saen beneficiados porque como non poden traballar neste espazo, porque está ocupado por unha estrutura que podería danar as artes de pesca, iso acaba por converterse nunha reserva, e serve como un criadeiro natural", engande o biólogo mariño Javier García Galdo.