Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Consello Internacional de Monumentos e Sitios, a favor de retirar as lanzas das gárgolas do Hostal dos Reis Católicos

O Consello Internacional de Monumentos e Sitios, a favor de retirar as lanzas das gárgolas do Hostal dos Reis Católicos

Turespaña e a Xunta manteñen un diálogo aberto ao respecto co fin de "buscar a mellor solución e ensaiar con outros deseños"

G24.gal 06/11/2026 16:54

O Consello Internacional de Monumentos e Sitios (Icomos) emitiu un informe no que se pronuncia a favor de buscar unha "nova solución" que permita retirar as lanzas metálicas das gárgolas do Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, colocadas para dar solución ás humidades na fachada provocadas pola caída da auga.

Este pronunciamento prodúcese despois de que, en abril deste ano, se polemizase pola colocación dos tubos a raíz de denuncias públicas de entidades como a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal).

Actualmente, técnicos da Xunta e Turespaña, organismo do que depende a reforma, manteñen un diálogo aberto co obxectivo de atopar unha solución alternativa.

Neste contexto, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude confirmou a elaboración do informe por parte desta ONG vinculada á Unesco.

O departamento autonómico sostén que o recollido no texto "coincide" coa posición da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

"[O informe] recoñece a necesidade de mellorar a evacuación da auga, pero sinala, como xa fixo a Consellería, a importancia de ter en conta o valor singular da Praza do Obradoiro e o impacto visual destes elementos", detallaron as mesmas fontes.

Deste xeito, segundo a Xunta, o Icomos require que se busque unha "nova solución", un extremo que tamén ratificou Apatrigal, unha das asociacións que reclamou o pronunciamento da ONG.

"Icomos vai esixir unha solución alternativa, consensuada coa cidadanía", indicou a entidade patrimonialista, que afondará nesta cuestión nunha rolda de prensa prevista para o luns.

Entre os deseños que se ensaian, inclúese a redución da lonxitude dos elementos, así como a revisión específica da solución aplicada ás gárgolas antropomórficas, "estudando a retirada dos elementos actuais, a redución do caudal que evacúan ou a adopción dun deseño menos perceptible", detalla a Consellería.

Paralelamente, Turespaña xa puxo en marcha o procedemento administrativo para desenvolver o plan de avaliación e achegar unha nova solución.

Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, recalcou que, desde un primeiro momento, ao Concello non lle pareceu a solución "máis adecuada" e avogou por buscar "outras fórmulas".

Con todo, entende que este é un traballo que lle corresponde á Xunta: "Espero que haxa unha proposta diferente á actual, pero non nos corresponde a nós nese caso".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade