A Audiencia da Coruña permite pedir a adopción dunha menor nacida por xestación subrogada
Corrixe a decisión dun xulgado de primeira instancia que non admitiu a trámite a solicitude
O auto, que non prexulga a conveniencia de adopción da menor, é firme e contra él non cabe recurso
Edificio da Audiencia da Coruña
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial da Coruña corrixiu a decisión dun xulgado de primeira instancia que non admitiu a trámite unha solicitude de adopción presentada pola esposa do pai biolóxico dunha menor nacida mediante xestación subrogada.
Nunha sentenza, con data do pasado 30 de setembro e da que informou este venres o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a sala lembra que a doutrina xurisprudencial do Tribunal Supremo, acorde coas resolucións do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), "afirma que a maternidade subrogada é contraria á orde pública, o que impide calquera recoñecemento".
Con todo, sinala que, para protexer o interese do menor, contempla a adopción como unha vía para regularizar a filiación de menores nados dun proceso de xestación subrogada, en supostos como o agora examinado".
Por iso, indica que "nun procedemento de adopción non cabería xa alegar a excepción de orde pública nin a concorrencia dunha fraude de lei, senón que correspondería analizar se a determinación da filiación do cónxuxe ou da parella se axusta ou non ao interese e necesidades do neno ou nena que puidese ser adoptado".
En consecuencia, as maxistradas explican que a aplicación da anterior doutrina xurisprudencial "determina que non caiba inadmitir de plano a solicitude de adopción formulada pola recorrente, senón que debe tramitarse pola canle da xurisdición voluntaria a fin de que la solicitante poida acreditar os requisitos necesarios para a súa concesión".
A sala non prexulga a conveniencia da adopción da menor
No auto, indican que, "sen prexulgar neste momento a conveniencia da adopción da menor pola nai de intención -a actual demandante-, cando presumiblemente se realizou un contrato de xestación por substitución, procede a admisión do recurso para revogar o auto recorrido e, no seu lugar, acordar a continuación do procedemento.
Todo iso coa finalidade de que se valore a concorrencia dos requisitos legais para a adopción, con especial atención á lexislación aplicable e á doutrina do TEDH, do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo, en atención á protección do interese superior de la menor e a pretensión de adopción".
Por tanto, estiman o recurso de apelación e revogan a resolución recorrida para que o tribunal de instancia admita a trámite a demanda.
O auto é firme, pois contra el non cabe presentar recurso.