Comezan as obras na Casa Torre, edificación medieval no barrio da Tinería de Lugo
No barrio xa se rehabilitaron 40 edificios, con 96 vivendas para alugueiro social e 20 locais comerciais
Investíronse 27 millóns, aos que se suman os máis de 800.000 euros que custará a recuperación da Casa Torre
Repartidores, turistas e veciños animan as mañás na Tinería. Hai vida de novo neste barrio histórico de Lugo.
"Eu lembro que de pequena non nos deixaban pasar por aquí era un barrio moi conflitivo, agora rehabilitáronse casas, hai negocios e moitas mulleres emprendedoras", di Paula, a recepcionista dos hoteis que abriron no barrio.
Unha das mulleres emprendedoras ás que se refire Paula é Marga, ten un taller de artesanía e asentouse aquí hai tres anos.
"O barrio é marabilloso. Eu sempre dixen que este barrio había que recuperalo", asegura Marga Portomeñe.
A poucos metros do seu negocio está o laboratorio de Ermitas Saavedra.
"Todas as casas que rodean o meu negocio están habitadas, e habitadas por xente nova", di Ermitas.
Recuperáronse 40 edificios, con 96 vivendas para alugueiro social e 20 baixos comerciais.
A última rehabilitación comezou esta semana, afecta a este edificio medieval pegado á muralla, a casa Torre, un dos máis singulares da cidade. A súa recuperación xunto a do pazo de dona Urraca, outro símbolo dentro de murallas, completará a renovación dun dos barrios máis degradados da cidade.