A Unidade da Policía Nacional Adscrita a Galicia cumpre os 35 anos
Esta unidade policial autonómica creouse en 1991 nun convenio entre a Xunta e o Ministerio de Interior
O furtivismo, a defensa do patrimonio e a investigación de incendios son as súas especialidades
Na última década tamén incorporaron actuacións arredor da violencia de xénero e protección de menores
Un acto solemne celebrado na sede da Xunta acollía a constitución da Unidade da Policía Adscrita de Galicia. corría o mes de outubro de 1991, a partir dun convenio entre a Xunta e o Ministerio de Interior. 157 axentes tomaron posesión daquela. Hoxe, a mais coñecida como Policía Autonómica, está as portas de celebrar o seu 35 aniversario. Unha efeméride que trata de recoñecer o labor que leva facendo esta unidade policial dende a súa creación.
"Pasamos de ser unha policía nova e naquel momento descoñecida a posiblemente ser unha policía de referencia para dar unhas respostas específicas que ten a sociedade galega, que non só están relacionadas coa nosa cultura senón co noso medio e os nosos recursos naturais", comenta César Ramos, inspector e voceiro da Unidade da Policía Nacional Adscrita a Galicia (UPA).
A Policía Nacional Adscrita a Galicia non só se encarga das tarefas propias das forzas policiais en materia de seguridade e protección, senón que o fai arredor da propia singularidade da sociedade galega.
"Pouco a pouco ir collendo competencias que están relacionadas e que foron transferidas no seu momento á nosa comunidade como son a protección do medio, os recursos naturais. O mar é un sector estratéxico en Galicia e neste caso temos un grupo especializado, o ERPOL (Equipo de resposta policial) , que loita contra este furtivismo ilegal", comenta o voceiro da UPA, César Ramos.
Durante estes trinta e cinco anos as materias de actuación desta unidade policial foron aumentando, pasando da vixilancia do litoral e do patrimonio ata a máis recente protección de vítimas de violencia de xénero, aínda que tamén outras deixaron pegada nos seus axentes.
"Dende unha perspectiva máis humana, salientar sen dúbida aquelas actuacións con persoas que estaban nunha situación de grave risco ou desamparo; dende unha perspectiva máis operativa, as colaboracións nas vagas que afectaron Galicia e, sen dúbida, a loita contra o furtivismo e a protección do noso patrimonio", apunta César Ramos.
Pendentes dunha actualización do número de axentes, o futuro da unidade da Policía Nacional Adscrita semella claro: "Seguir mellorando, e seguir traballando man a man coa sociedade galega", sentenza César Ramos.