A xuízo por acoitelar a exmuller e intentar matar o policía que a auxiliaba
O acusado afronta dez anos menos un día de prisión
Os feitos ocorreron en xuño de 2015 en Vigo
Este martes chega aos Xulgados de Vigo o caso dun home acusado de agredir a súa exparella e logo intentar matar un policía que acudiu ao lugar. Os sindicatos policiais piden de novo máis medios materiais e legais para os axentes neste tipo de intervencións.
A Fiscalía pide dez anos menos un día de prisión para o acusado, coa agravante de reincidencia, xa que tiña unha condena previa por homicidio, que cumpriu no 2014. Tiña tamén condenas posteriores por ameazas, furto e conducir sen o permiso.
A consecuencia do ataque, o axente sufriu trastorno de estrés postraumático e tardou 141 días en curar, quedándolle secuelas ansioso-fóbicas.
Javier Martínez Voceiro Confederación Española da Policía Nacional en Galicia denuncia que os axentes que atenden unha chamada de emerxencia "sempre acoden sen saber o que van atopar. Desta vez atoparon un agresor extremadamente violento, que atentou coa vida do compañeiro, que o acoitelou en reiteradas ocasións, e salvou a vida grazas ao chaleco antibalas".
"Atopámonos con moitas comisarías de Galicia en que os policías que están na rúa non teñen chalecos antibala, ou que non son da súa talla, ou non adaptados ao xénero feminino. Levamos anos denunciando esa situación e sempre atopamos a mesma resposta do ministro do Interior, que é a calada por resposta" di o voceiro da Confederación.
Os feitos sucederon o 15 de xuño de 2015 en Vigo. Dous axentes da Policía Nacional achegáronse a unha vivenda por un aviso de violencia de xénero con arma branca. Mentres un dos axentes asistía a vítima, que estaba ensanguentada, o outro perseguiu o agresor. A uns 50 metros, o policía atopou unha mochila cunha arma tipo lanza e, cando foi collela, o procesado abalanzouse sobre el e tratou de acoitelalo no peito e na cabeza cunha arma de grandes dimensións.
Segundo Javier Martínez, voceiro da Confederación Española da Policía Nacional en Galicia "grazas a deus o compañeiro salvou a vida por ter o chaleco, pero aínda temos moitos na rúa sen eles, ou sen pistolas eléctricas ou taser para ter opción de protección antes de usar unha arma de fogo. E o principal son as medidas lexislativas, que a xente teña medo a delinquir e as consecuencias de pegar ou atentar contra un policía".
Dende o sindicato policial denuncian que, malia ao aumento das liortas e as pelexas de bandas con arma branca nas rúas, agora hai menos axentes atendendo as emerxencias que hai dez anos.