A Fiscalía pide 25 anos de cárcere para o acusado de matar a súa exparella en Palmeira
O xuízo empeza mañá na sección da Audiencia Provincial con sede en Santiago
Está preparado un dispositivo especial de seguridade para protexer algunhas testemuñas e familiares da vítima
O crime que se xulga aconteceu o 19 de marzo de 2024 en Palmeira e o acusado permanece en prisión provisional desde entón.
Segundo a Fiscalía, Jhul Príncipe, de 24 anos, acudiu á casa de Andrea, a súa exparella, e atacouna cunha navalla de máis de nove centímetros de folla. Acoitelouna no pescozo, na cabeza e no peito varias veces ata matala. Tiñan en común un fillo de dous anos.
A Fiscalía solicita 25 anos de prisión para o procesado polos delitos de asasinato e violencia habitual. A acusación particular eleva a petición de condena a 34 anos.
A primeira sesión do xuízo dedicarase á selección dos nove membros do tribunal do xurado popular.
A Audiencia organizou un dispositivo especial de seguridade co obxectivo de protexer a familiares da vítima e a outras testemuñas.