Piden 16 anos de prisión para o acusado de atropelar o seu irmán en Ribeira nunha festa
Ocorreu en xullo de 2025 durante unha liorta entre dúas familias mentres celebraban unha festa de compromiso
A Fiscalía considera que o acusado tiña a intención clara de acabar coa vida das persoas e impútalle un delito de asasinato
As familias Bentos de Santiago e Borja de Ribeira celebraban o compromiso entre dous dos seus membros o 1 de xullo de 2025 no centro recreativo de Artes. Pouco despois das 8 da tarde unha disputa entre os asistentes derivou nun enfrontamento entre as dúas familias.
A pelexa comezou dentro do local e trasladouse ao aparcadoiro. Segundo o escrito da Fiscalía, o acusado, membro da familia compostelá, colleu o coche a toda velocidade e invadiu a zona da terraza.
Considera a fiscal que o acusado tivo a intención clara de acabar coa vida das persoas que había alí. Tras impactar con mesas e cadeiras, deu marcha atrás para atropelar un grupo de xente que estaba ao carón do coche da Policía Local de Ribeira. Na manobra o acusado atropelou varias persoas entre as que se atopaba o seu irmán, que faleceu a consecuencia das lesións que sufriu.
Dáse a circunstancia de que antes xa fora golpeado por unha furgoneta conducida por un membro da outra familia, polo que estaba de xeonllos no chan e non puido reaccionar.
Tras o atropelo, o acusado xunto outras 5 persoas, fuxiu rumbo a Santiago, pero o vehículo foi interceptado na peaxe da AP-9 e os ocupantes detidos. Días máis tarde foron arrestadas outras 6 persoas en Ribeira relacionadas coa pelexa. Dos 13 detidos só dous permanecen en prisión provisional.
Un deles é o acusado do atropelo, para o que a Fiscalía pide 16 anos de prisión ao cualificar o delito como asasinato. O outro é un membro da familia de Ribeira, ao que xulgarán noutro procedemento. Está acusado de homicidio en grao de tentativa, condución temeraria, pelexa tumultuaria e lesións graves. A investigación apúntao como responsable de darlle unha machetada a un dos rivais durante a liorta e de atropelar a vítima antes.